Un porco lalaíno de 300 kilos para a matanza tradicional de Anzo e Busto

David Cofán Mazás
david cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Representarase a chegada dunha emigrante de Bos Aires e unha regueifa

18 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo a veciñanza de Anzo e Busto será a encargada de recrear a matanza tradicional do porco, que xa suma 24 anos de existencia. Unha cita de alto valor gastronómico, cultural e etnográfico que forma parte dos actos da Feira do Cocido de Lalín e que cada ano suma máis adeptos. Nesta ocasión celebraráse na Cas Golmar de Anzo a partires das 10.30 horas. Os veciños de ambas parroquias levan dende novembro organizando en coordinación cos concelleiros José Cuñarro e Marcos Mariño todos os detalles dunha festa dezá que contará con varias novidades.

O gran protagonista será un porco de raza lalaíno duns 300 quilos e algo máis dun ano de vida. Trátase dun exemplar semellante ao típico que se sacrificaba nas casas galegas, con propiedades óptimas para a salga da carne e a elaboración de chourizos. A comisión organizadora repartiu nestes días as tarefas entre os veciños.

As nove da mañá acudirán ao criadeiro de Celso Toimil para transportar o porco á casa fidalga que cedeu a familia Cortizo para a Matanza Tradicional.

Coa narración en directo de Manuel Vilariño e Daniel González Alén, será ás 11.00 horas cando comece o chamuscado do porco. Unha das novidades será a representación da chegada dunha emigrante procedente de Bos Aires que participará nalgunha tarefa.

Despois do afumado, procederán a lavar e abrir o porco, así coma desenfiar as tripas e pesalo. Dende a unha do mediodía poderase ver cómo se preparaba a carne para facer chourizos e acto seguido realizarán a escarocha do millo. Logo será a quenda da salga do porco, que contará cunha regueifa da torna da auga, representativa das antigas liortas entre veciños.

De seguido chegará o momento da degustación dos produtos do porco, adamáis de sobremesas caseiras, que terá lugar na carpa situada na parte posterior do inmoble. Non faltará música en directo a cargo da Carballeira de Cercio e do Trío 3.com.

Mostras

A Matanza Tradicional supón unha oportunidade para poñer en valor a tradición do agro galego a través das diferentes mostras que presentarán ao público. Haberá unha exposición de apeiros de labranza, así como unha recreación da elaboración do pan ao forno ou unha mostra de antigos útiles de cociña. A veciñanza adornará a celebración xogará as cartas, calcetando ou cosendo con aparellos antigos. Non faltará unha pequena recreación de cómo se afiaban as gadañas para segar mellor a herba, clave para a alimentación dos animais.

Incluirase unha figuración das tabernas do rural e ata a representación dun escribán con documentos antigos.

Aparcamento

Os organizadores habilitarán dende primeira hora o aparcadoiro situado a carón da parte superior da estrada Prado-Bendoiro, dispoñendo de varias fincas próximas á Casa Golmar, ao estar prohibido o estacionamento nas inmediacións do inmoble.