O 80 % do comercio asociado á AED rexeita abrir as dúas tardes de entroido

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

A enquisa partiu da mesa sectorial, pola vindeira celebración de San Valentín

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tradicionalmente os establecementos comerciais do casco urbano lalinense sempre pecharon as tardes do luns e martes de entroido, a pesar de non ser festivos locais.

Nesta ocasión as datas conflúen coa celebración, ao día seguinte da festividade de San Valentín, polo que dende a mesa sectorial de comercio da Asociación de Empresarios de Deza lanzouse unha enquisa entre os socios para coñecer a súa opinión sobre a conveniencia de aperturar os locais as tardes do luns e martes que vén. A enquisa remitida ao cento de asociados do sector, a través do grupo de WhatsApp, foi rotunda e un 80 % dos enquisados afirmaron que manterán o costume enraizado de moitos anos atrás, e non abrirán nin o luns nin o martes en horario de tarde a pesar de que a Asociación de Empresarios de Deza e o Centro Comercial Aberto de Lalín artellaron unha campaña especial para San Valentín que rematará co sorteo dunha viaxe para dúas persoas a París. Os motivos esgrimidos para pechar foron, según a mesa sectorial, a celebración de festas familiares por mor do entroido, as actividades propias desas datas que se levarán a cabo na vila, ou aproveitar para disfrutar dun descanso.

Fronte aos que decidiron seguir coa tradición de pechar as tardes do luns e martes de entroido, outros apuntan que atenderán á clientela no seu horario habitual. Algunhas tendas de roupa, xoierías e florarías xa locen nos seus escaparates e redes os horarios de atención ao público nesas xornadas, e na maioría dos casos non varían respecto das aperturas habituais.

Por outra banda a mesa sectorial do comercio da Asociación de Empresarios de Deza ten previsto elevar precisamente a unha reunión os horarios de atención ao público nos establecementos, para intentar consensualo, algo que non se está dando ata a data. No próximo mes de marzo, despois do remate da campaña de rebaixas, podería levarse a cabo a convocatoria do encontro dos socios do comercio para unificar criterios e que todos os locais abran e pechen ao mesmo tempo, unha cuestión que beneficiaría á clientela.