«A meta agora é preparar o nacional e volver ao mundial»

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

O seu dixestivo «Desde Brasil», a base de whisky, licor de sabugueiro, zume de pomelo e froita da paixón, foi o elixido

17 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier García González non tapa a súa emoción ao conquistar novamente o Campionato Galego de Coctelería na súa XXI edición, celebrado o luns na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos en Compostela, pero tamén a satisfacción de que outros tres compañeiros dezaos: María Batán, Francisco (Chisco) García e Javier Luaces se fixeran con primeiros postos nun certame no que participaron 17 barman.

—Séntese a mesma emoción despois de acadar novamente o campionato galego?

—A emoción é a mesma, aínda que foi unha edición con máis nervios posiblemente por intentar facelo o mellor posible, e comprobar tamén que en Galicia hai un nivel bastante alto. Cada ano semella que sobe o chanzo, e veñen empurrando forte grazas en boa medida ao traballo que se fai dende a asociación e nas escolas de hostalaría. Aí están os resultados.

—Que proposta foi a que seduciu finalmente ao xurado?

—Foi un cóctel na modalidade de dixestivo. Gústame especialmente o whisky, e intento que sexa o meu destilado básico, que empreguei xunto con licor de sabugueiro, zume de pomelo, froita da paixón e un toque picante a base de xenxibre. Un cóctel alcohólico pero fácil de beber.

—Entendo que levaría nome dalgunha canción como nos ten acostumados.

—Claro (ri). Chámase «Desde Brasil», título dunha canción de Café Quijano; grupo que me gusta e que puiden ver recentemente en Pontevedra... Tirei da súa discográfica e apostei por ese tema (ri).

—A seguinte cita competitiva será asistir ao Campionato Nacional?

—Si, será no próximo mes de decembro en Lanzarote pero polo de agora toca esperar a que nos manden as bases, e posteriormente comezar a traballar na súa preparación. A meta agora é preparar o nacional e poder volver ao mundial, aínda sendo consciente de que non é unha tarefa fácil de conseguir xa que estamos falando doutra liga.

Batán, García e Luaces, tamén galardoados

A coctelería rezuma profesionalidade na comarca de Deza. Así o reflicten os premios acadados o pasado luns por dous lalinenses e un cruceño na vixésima primeira edición do Campionato Galego de Coctelería, celebrado en Santiago. A lalinense María Batán acadou o 1. º Premio en Xóvenes Barman e en Mellor Degustación, mentres que o cruceño Francisco (Chisco) García obtivo tamén un Primeiro Premio en Coñecemento e o lalinense Javier Luaces fíxose co primeiro posto no apartado de Decoración.