Presentou na Bandeira, no centro cultural Vista Alegre, o seu primeiro libro, «Cruz de poesía», que suma 33 creacións
18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Juan Liñares ten as súas costas ampla experiencia en presentacións de obras, participar en recitais poéticos e en todo tipo de iniciativas culturais, pero o pasado martes presentou a súa primeira obra: un poemario, que baixo o título de Cruz de poesía, dou a coñecer no centro cultural Vista Alegre da Bandeira ao que lle une unha estreita relación.
—Escribir poesía non é algo que lle xurdira agora.
—Non. Levo moitos anos, pero sen afán de publicar. O que ocorre é que manteño unha boa relación co editor, Manuel Núñez, e foi quen me animou a sacar este libro. É o meu primeiro poemario en solitario, despois de participar nas antoloxías poéticas xunto con outros autores. Xa se publicaron dúas, con 38 autores de lingua hispana, e xa se está fraguando a terceira.
—Como é pois este primeiro poemario en solitario?
—É unha recompilación de poemas gardados, que estaban aí, e que non son agora meus en exclusiva unha vez que ven a luz.
—«Cruz de poesía» é o nome deste libro, a que atende?
—O título procede duns versos que lle adicou Federico García Lorca a Rosalía de Castro no poema «Salutación elegíaca a Rosalía de Castro», texto que eu non coñecía, que logo lle escoitei a Amancio Prada nun concerto na Golada... Tiña máis claro o nome do libro que o contido que lle ía dar.
—Por que escolleu este xénero para expresar a súa creatividade literaria?
—Non me vexo escribindo novela nin outra cousa que non se xa poesía. A poesía é inspiración. Hai momentos en que unha persoa, un suceso esperta esa inquietude de compoñer e falo a través da poesía. Síntome moi cómodo recitando, son unha persoa que sente a poesía. Ben é certo que hai pouca xente que a lea, e se falamos de poemarios que sexan moi extensos e que supoñan esforzo a maioría dos lectores só se quedan cunha ducia e xa non avanzan máis alá. Unha verdadeira mágoa!.
—O limiar é da tamén escritora Charo Golmar.
—Unha persoa que ten unha calidade fóra do común, e que tivemos que convencer para que fixese o limiar do libro.
—Ao levar moito tempo escribindo, posiblemente teña material máis que suficiente para unha segundo publicación.
—Material claro que hai, pero polo de agora é pronto para pensar niso.