Coa música a outra parte

Alba Forno

DEZA

01 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Marchou do mesmo xeito que pasou pola vida, sen dar un chío cando os ventos non sopraban a favor, deixando facer e deixándose levar. Toimil, home de concordia, de sorriso permanente e ollada transparente. Finou deixando claro que aínda quedaba nel e no seu espírito esa bondade que tan pouco abonda nestes tempos. Amosounos por última vez a capacidade que tiña de xuntar familias, aldeas e persoas con gustos ou ideais distintos ó seu carón. Foise coa música a outra parte. Da Banda de Mato poucos quedan, da orquestra Nova Galicia tamén. Pode que as súas músicas xa soen noutros lares. Atrás quedou a trompeta como símbolo de quen foi, do que foi, «o trompetas». Máis a familia é boa parte do seu legado. As súas músicas soarán sempre no meu maxín. *Alba Forno, a neta do músico