Un día dedicado á música tradicional galega nas festas do San Paio

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

22 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da programación das festas da Estrada hai un día, o 29 de xuño, no que a gran protagonista será a música tradicional galega. Un dos seus artífices é a Banda de Gaitas de Barbude, que organiza a cuarta edición do Festival Multicultural. José Ramón Brea e Xosé Martíns presentaron este evento musical acompañados pola concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e membros da comisión de festas.

O festival comezará ás 12.30 horas cun pasarrúas que percorrerá as rúas do centro da localidade a cargo de Pé tras Pé. O festival cos grupos comezará ás oito na Praza da Farola e contará coas actuacións da Banda de Gaitas de Barbude, dos portugueses Rancho típico de Amoroso e do Centro Cultural Ponte Vella. A organización salientou a boa acollida desta actividade e indicou que por primeira vez traerán cabezudos, a cargo da formación lusa. A condutora do certame será unha das alumnas sénior da agrupación estradense, Marita. Dende a comisión lembraron que ese día será completo de música da terra coa actuación de Milladoiro e o espectáculo De Ruada na Estrada.

Volven Los Chiky’s

Ademais, actuarán na sesión vermú do día 26 o grupo estradense Los Chiky’s. A música dos anos sesenta será protagonista nun concerto que terá lugar no aparcadoiro do Froiz. Este é un dos cinco concertos que se repartirán polos barrios da Estrada para achegar a todos os recunchos do pobo as festas do San Paio.