Música para presentar nas Insuas de Gres as novelas curtas gañadoras do Neira Vilas
DEZA
Arredor de medio cento de persoas déronse cita no serán de onte nas Insuas de Gres, onde a Fundación Neira Vilas presentou as obras gañadoras do certame de novela curta correspondente aos anos 2022 e 2023. Estas foron: Cristais rotos, de Álvaro Domínguez, seleccionada no 2022, e Nove lúas, de Lionel Rexes, premiada no 2023.
O evento contou coa intervención do deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García ; o concelleiro de Cultura de Vila de Cruces, Julio López, o crítico literario e membro do xurado, Armando Requeixo, e o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, xunto coa presenza dos dous autores das obras galardoadas.
A xornada estivo animada coa actuación musical do grupo de cantareiras e pandereteiras Lucerniñas, integrado na Asociación Mestre Gacio, de Boqueixón nun acto que contou coa colaboración do Concello de Vila de Cruces. A formación musical, integrada por un grupo de nenas, pechou o acto coa súa actuación. A presentación tivo lugar ás 19.00 horas, nun serán no que o bo tempo contribuíu tamén a animar a asistencia a este encontro, que tivo lugar xunto ao monolito dedicado ao escritor na súa terra pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Dende a Fundación Neira Vilas destacan a forza narrativa do relato de Cristais rotos, de Álvaro Domínguez, «que mergulla ao lector nas vivencias duns personaxes que beirean a traxedia, que profundan nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino». Nove lúas, de Lionel Rexes, explican, «é un relato no que a fondura psicolóxica no tratamento dos personaxes se mestura coa fascinante maneira de enfrontar os desafíos dunha realidade desacougante».