A parroquia agolense de Eidián celebrou as festas do Apóstolo e Santa Ana

daniel gonzález alén AGOLADA

DEZA

D. G. ALÉN

A procesión vai dende a igrexa románica ata o cruceiro en fronte do pazo fidalgo que foi cantón realista

06 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España, é tamén un dos santos máis venerados na comarca dezá. Ata 15 parroquias téñeno como patrón e moitas delas celebran festas no propio día 25 de xullo e no seguinte dedicado a Santa Ana.

Nesta ocasión estivemos na de Santiago de Eidián en terras de Agolada, unha parroquia de pouco máis dun cento de habitantes, repartidos nos lugares de Amance, Basadroa, Eidián, Galegos e A Lama. A parroquia linda polo norte co río Ulla, que separa estas terras da provincia de Pontevedra coas da Coruña, do municipio de Santiso, pouco antes da Ponte Arcediago.

Nas dúas xornadas festeiras houbo misas oficiadas polo párroco José Sarandeses Sixto e despois procesión ata o cruceiro situado en fronte do pazo de Eidián, portando os devotos as imaxes de Santiago Apóstolo, Santa Ana e o Sagrado Corazón. Rematados os actos relixiosos, houbo sesión vermú coa música da charanga Os Celtas e pola noite verbena co Dúo Chocolate, na primeira xornada, e o Dúo A2 e o DJ Bais 7, na segunda.

O escenario dos actos relixiosos foi a fermosa igrexa parroquial que conserva moitos elementos da primitiva fábrica románica do século XII, como o arco triunfal con dous ben labrados capiteis e, no exterior, varios canzorros baixo a sopena e unha cruz antefixa sobre o testeiro. Tamén no interior poden ollarse os restos dun sepulcro pertencente ao pazo dos Basadre, cunha inscrición incompleta no arcosolio, logo de que fora reutilizado o oco para construír un armario. O templo foi ampliado pola fachada e pola ábsida, a finais do século XVIII, no estilo barroco imperante, dotándoo do campanario que agora ten.

Preto da igrexa hai unha notable casa grande que debeu ser de curas, que ten sobre a entrada unha cruz latina de cantería e un relevo ornamental. Na eira lousada da casa, na que non falta un típico hórreo, hai un sarcófago que saíu en tempos da igrexa, para servir de pía e bebedoiro do pozo. A uns 200 metros ao SO da igrexa, seguindo un vello camiño real, está o castro de Eidián, medio derruído polos labores agrícolas e varias construcións en ruínas, entre as que atopamos tempo atrás unha roda de muíño circular da época romana, que dá fe da existencia de vida neste enclave prehistórico. Hai outro castro catalogado no lugar de Galegos, así como varios campos de mámoas espallados pola parroquia.

O pazo de Eidián e a Torre-Tulla de Basadroa

O referido pazo de Eidián foi a partir do século XVI morada dos López de Basadre, cuxas armas figuran no escudo da portada principal xunto ás dos Varela e tamén noutro interior, téndose publicado numerosos traballos referidos a el e á historia e o patrimonio destas terras que foron escenario de sanguentos enfrontamentos entre realistas (que aquí tiñan a sede do Cantón de Eideán) e carlistas a mediados do século XIX, segundo relataron, entre outros, o cronista dezao Francisco Vilariño na súa «Reseña histórica», o investigador e amigo Xosé R. Pérez Salgado, en varios traballos e Buxán e Rubiá, no seu libro de Pazos y Moradas Hidalgas de Deza. Na actualidade o pazo, logo de ser restaurado, funciona como establecemento de turismo rural. Moito máis descoñecida é a Torre-Tulla de Basadroa, da que se ten ocupado o investigador e amigo Manuel Busto Galego, na que destaca unha porta medieval, coa inscrición «SOI de PEDRO do CASAL escribán AÑO 1600», os muros de perpiaño con cornixa en chafrán e unha gárgola de tubo. A casa foi usada nalgún tempo como tulla para recadar impostos do Conde de Lemos e que cedeu estas terras que foran dos Templarios, ao convento do Sancti Spiritus de Melide; e, no mesmo lugar de Basadroa, un indiano patrocinou unha escola, que agora é centro social da parroquia.