
Catro mulleres máis, nais de alumnos do centro, na directiva
10 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O salón de actos Manuel Rivas, do IES Laxeiro de Lalín, acolleu onte a asemblea da Anpa do centro que serviu para presentar a nova directiva da asociación, e abordar cuestións de interese para os pais de alumnos relacionadas co inicio do curso académico 2024/2025.
Un encontro no que se escenificou a presentación oficial da nova directiva do colectivo aos socios, e que está configurada por María Victoria Gil Lamela como presidenta, María Isabel Moure faise cargo da secretaría, Marta Portas é a nova tesoureira, mentres que María Isabel Pereiro e María Pérez son vogais nun grupo formado integramente por mulleres, cinco nais de alumnos do centro lalinense.
Unha asemblea na que se contabilizaron as altas e baixas de socios, ante os cambios que se producen no inicio de curso derivado dos alumnos que deixaron o centro e os que se matricularon por vez primeira. A nova xunta directiva informou aos pais dos requisitos e vantaxes que acarrea pertencer á Anpa, como é a gratuidade de contar cos libros de texto de 1.º e 2.º de bacharelato de balde. «Para iso lembramos que é necesario ser socio dende 3.º da ESO, ou do contrario pagar as cotas correspondes a ditas anualidades. É o que recollen os estatutos para facerse cos libros, que supón un aforro moi importante no peto dos pais e nais», comentou a presidenta. A directiva establece ata o vindeiro 18 de setembro o novo prazo de anotación para aqueles interesados en darse de alta como socios da Anpa, para posteriormente realizar un reconto dos libros existentes en almacenamento «para logo facer unha entrega dos lotes aos alumnos todos o mesmo día», engadiu Gil.
A prohibición do uso do teléfono móbil nas aulas estivo entre as lembranzas da Anpa aos pais, «xa que a nosa intención é ir da man do centro no que estudan os nosos fillos e dos pais, para botar unha man en todo o que se poida, e tentar axudar no que se precise en beneficio da mellor convivencia posible», anunciou a presidenta.
Co turno de rogos e preguntas rematou esta primeira asemblea da recén estreada nova directiva da Anpa do Instituto Laxeiro, que se puxo a disposición de pais e nais para servir de ponte entre centro e proxenitores, e loitar pola mellor convivencia posible.