O presidente da Asociación de Empresarios de Deza pide axilidade nos trámites, chan industrial e rebaixas na peaxe da AP-53
12 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación de Empresarios de Deza fixou para o 23 de novembro a celebración da súa oitava Xuntanza Empresarial que servirá para recoñecer o esforzo do tecido empresarial comarcal, facer entrega de premios nesta edición a Embutidos Lalinense, Aspadeza, Densoplast, Clínica Deza, Odaiko Krea, Viralatas, Fátima Nogueira, Librería Dalvi e Restaurante Asturiano, pero tamén para coñecer de man do presidente da patronal, David Campos Cortés, os retos que se marcan para o ano 2025 e o resumo deste exercicio.
—Como valora este ano 2024 no seo da AED?
—Con claros e escuros. Fixemos moitas cousas ben, e outras non tanto. Temos varios proxectos que queremos lanzar, que xa presentamos, e por problemas de financiación non se puido facer. Falamos en varias administracións públicas, e non se materializaron... Esperamos que poidan ser realidade no 2025, e que non cheguen tarde. Cando os presentamos eran innovadores, e xa non o son tanto. O que chega primeiro é o que gaña, e tiñamos un proxecto de formación moi importante que está parado por un problema só de financiación. A nivel formativo, de emprego, promoción do comercio, novos convenios... todo iso son claros, ao igual que o PIE que no mes de xullo tiña a cota de emprego cumprida con 45 persoas empregadas, e que se pechará en novembro penso que con 70 ou 75 persoas integradas laboralmente. O plan para as mulleres, que tamén é un éxito. Actualizamos as cotas aos socios, fundamental para non meter a asociación nun problema financeiro grave. As cotas estaban conxeladas desde 2012, non tiña sentido ningún mantelas así, e as entidades bancarias adiantando subvencións.
—Semella que son entón máis claros que escuros os que resumen este exercicio.
—Pero, pésanme máis os escuros. Púxose en marcha a aula virtual con todo tipo de cursos para os socios, que buscabamos comercializar a nivel España, e necesitabamos un local para a formación que permitiría traer aos traballadores que precisan as empresas e formalos aquí. Iso é o que estaba previsto facer neste ano, era un dos nosos obxectivos que non se cumpriu por falta de financiación. Espero levalo a cabo no 25.
—A falta de chan industrial é un lastre para as empresas?
—É un lastre de moitos anos, e só podes pedir rapidez pero chegamos a un punto de burocratización da administración que non hai forma de acelerar absolutamente nada. É un problema gravísimo que ten o país. Non podes estar parado levando papeis dun sitio para outro. Non é aceptable, e os políticos sábeno. A Xunta presentou un proxecto para minimizar a burocracia polo que está recoñecendo que hai un problema. Ás veces entérranche un proxecto entre papeis.
—Á marxe de poder realizar os proxectos mencionados, cales serán as apostas para o ano vindeiro?
—Temos concedido un novo PIE para o ano próximo, que é subvencionado pero para o que a asociación aportará un 18 ou un 20 % dos 250.000 euros, que significa uns 50 ou 60.000 euros, pero que están ben invertidos xa que 75 persoas accederán a un posto de traballo. Claro que se estivese subvencionado ao 100 % podíamos facer outros proxectos.
—É un firme defensor da formación.
—Sempre aposto por iso, e temos un programa formativo; posiblemente o mellor que fixemos en anos na asociación, e hai que sacalo para diante.
—Cales son as demandas máis importante para o sector empresarial comarcal agora mesmo?
—Penso que hai que insistir sobre a necesidade que temos de chan industrial para poder medrar, que se rebaixe a peaxe da AP-53, que tanto tempo levamos pedindo, e que se lle poña freo á burocratización que é un problema que nos afecta a todos, e en todo o país.