
Tere Arca plasmou vivencias da parroquia, nas Aldeas de Nadal
22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.As Aldeas de Nadal de Lalín seguen colleitando éxito de todo tipo de público, pero tamén de colaboracións que enriquecen as propias casiñas de madeira instaladas en varios emprazamentos do casco urbano. É o caso da axuda levada a cabo por Tere Arca Canda, veciña da aldea de Gondoriz Pequeno da parroquia de Vilatuxe, amante das manualidades desde cativa que deu forma a un fermoso proxecto de miniaturas que se pode ollar na Aldea do Apalpador, na Praza das Pipas. A súa colaboración xestouse falando con Luchi, director técnico das aldeas e a súa parella Isa, conta a protagonista deste minucioso proxecto. «Saben que falo manualidades, e comenteilles que podía facer algo para as Aldeas de Nadal con cousas sinxeliñas da natureza, e empecei a traballar coas landras». Aí arrancou o proxecto. Tocou buscar e escoller as mellores landras, aquelas que mellor se adaptaran o que buscaba Tere: recrear coas mesmas algunhas escenas cotiás da vida na aldea. Era a primeira vez que as empregaba, e máis dunha quedou esnaquizada; relata Tere, pero a paciencia gañou a partida. «Fun representando a día de antes na aldea, desde unha muller que leva millo na cesta, outra lavando no río, nenos xogando ou unha familia comendo. É unha representación en miniatura do que pasaba na miña aldea», explica con certa emoción a autora desta singular exposición cuxas miniaturas están ben resgardadas e iluminadas nun moble, dentro da casiña de maior dimensión da Aldea do Apalpador.
As landras, convenientemente pegadas e pintadas, cobran o maior protagonismo desta exposición de miniaturas na que non faltan tampouco as cáscaras de noces, que foron usadas por Tere Arca para simular -por exemplo- un carriño de bebé. Imaxes que lle lembran nalgúns casos, comenta, o que viviu na súa nenez en Gondoriz Pequeno e outras que se manteñen na actualidade. O que non pode dicir con exactitude foron as horas dedicadas á elaboración de todas as pezas; «comencei no mes de setembro, e aproveitei fins de semana e momentos de descanso... foi un traballo que fixen aos poucos, e que me levou o seu tempo xa que as landras son moi delicadas como sabe todo o mundo, e se as forzas moito rompen, e hai que volver empezar con outra».
O que se esta comprobando é que o resultado de tan preciso labor está suscitando interese e parabéns de todos aqueles que se achegan a velo á Aldea do Apalpador, «e estou moi agradecida a todo o mundo, e moi especialmente aos veciños, pola acollida que está tendo este pequeno traballo que fixen con todo o agarimo», afirma Tere Arca. Un novidoso proxecto dentro das Aldeas de Nadal do Concello de Lalín que pode abrir a porta a outras posibles iniciativas destas características. Tere Arca non sabe se cobrarán vida outras pezas en miniatura, polo de agora convida a disfrutar das landras e das noces.