Marga Carballal: «Levo aquí 30 anos, parei de bailar no embarazo, pero toquei o bombo».

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Orgullosa da formación, ensaia tamén aos cativos para que continúen coa tradición

08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda co son dos aplausos e a emoción sentida onte na recollida do Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza, otorgado polo Seminario de Estudos de Deza no Pazo de Liñares, en nome dos integrantes do Grupo de baile e Música Tradicional A Carballeira de Cercio (Lalín) do que é unha das caras máis visibles pola súa veteranía e traballo, Marga Carballal García só ten palabras de agradecemento polo recoñecemento otorgado á agrupación pero tamén pola implicación de todos os membros de A Carballeira.

—O grupo ten trinta anos de vida, e levámonos como unha familia. Todo o mundo ten cabida no grupo. Aquí non sobra ninguén. Non existe competencia para estar un antes que outro. Posiblemente aí radique o éxito de manterse unidos, e de continuar traballando con moita ilusión por este proxecto.

—É a veterana bailarina do grupo. Leva trinta anos, sen ningún parón no medio?

—Nunca o deixei. Levo aquí no grupo 30 anos, parei de bailar no embarazo, pero toquei o bombo que non estaba eu para moverme tanto! (ri)

—O Grupo de baile e Música Tradicional A Carballeira de Cercio formouse no ano 1995, pero xa comezaron antes a bailar na parroquia?

—Si. Eu empecei a bailar con 12 anos, e ao grupo cheguei con 19 no momento en que se formalizou oficialmente. Todo comezou cunha actividade extraescolar de baile tradicional que se facía no Centro Social de Cercio e á que íamos xente do colexio. Despois veu xente de Lalín que empezaba tamén a bailar, e que posteriormente formaría tamén o grupo Ailola no casco urbano. Nós apostamos por seguir na nosa aldea, e por contar co noso propio grupo que tivo en Juan Morandeira o seu primeiro profesor. Foi a persoa que puxo os alicerces do que é hoxe A Carballeira.

—Quenes se manteñen aínda na formación inicial, á marxe da túa persoa?

—Que non deixasen o grupo nunca nos trinta anos de vida está Xurxo Salgado, que na actualidade é o profesor de gaita do grupo, e meu pai (Román Carballal) que é o presidente da asociación. Logo, como en todas as agrupacións, contamos con membros que estiveron, marcharon por distintas cuestións persoais ou profesionais, algún que voltou, novas incorporacións. O que non me canso de dicir é a gran familia que somos.

—Con comezos que non serían precisamente doados. Mesmo sen traxes, non?

—Non tiñamos nada (ri). A asociación cultural da parroquia foi a que nos fixo as primeiras camisas. Non te imaxinas como foi aquilo de buscar liño por todas partes para facelas (ri). Foi un par de anos despois de constituírnos como grupo.

—Cantos membros eran na formación inicial?

—Eramos unha agrupación bastante numerosa, penso que máis de 30, moitos eramos da parroquia de Cercio e o resto de zonas de moi cerquiña, con idades moi dispares que ían dende rapaces ata o máis maior que tocaba o acordeón e podía ter case os 60 anos.

—Comentaba que sempre se manteñen abertos a novas incorporacións, canta cativada teñen na actualidade?

—Contamos cunha trintena de pequenos, algún moi pequeniño de tan só 3 anos, que máis que bailar ven a pasalo ben pero xa vai entrando na dinámica de grupo (ri). Aí é onde se ve que hai canteira. Os maiores do grupo somos os que exercemos de profesores; aí está Javier Blanco, Fernando Rodríguez, Fátima Carballal e eu impartindo as clases de maneira desinteresada, e sen necesidade de pagar nóminas (ri).

A aldea. A esta profesora de Infantil do Ceip de Silleda, gústalle o rural e poder disfrutar da natureza.

 

Despoboación. Preocúpalle que as casas vaian quedando sen moradores. En Cercio mantéñense agora unhas 60 vivendas habitadas, con pouco máis dun cento de veciños.