A Rapa de Sabucedo poderá vivirse desde dentro cun novo proxecto de cine inmersivo
DEZA
![](https://img.lavdg.com/sc/MWmfqjTCCSh1KYqfYaxEyE3E3-Y=/480x/2025/02/12/00121739392202064589793/Foto/d_20250212_140254000.jpg)
O documental chega a Berlín esta semana e permite poñerse na pel dun aloitador
13 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O cineasta galego afincado en Nova Iorque Brais Revaldería presenta esta semana no European Film Market (EFM) de Berlín, un dos mercados cinematográficos máis importantes do mundo, o seu ambicioso proxecto Fillos do vento: a Rapa, que combina o formato documental cinematográfico cunha innovadora experiencia inmersiva para achegar a Rapa das Bestas de Sabucedo ao público internacional.
Fillos do vento: a Rapa está coproducido por Cinexin Studios, Evernia Media, 100 Sutton Studios e wecom e conta co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para impulsar a súa presenza no mercado audiovisual internacional.
«Desde o ano 2018 acudimos ininterrompidamente á Rapa e este proxecto é o resultado destes últimos sete anos de traballo. Con el queremos reivindicar o patrimonio cultural de Galicia, explorando a loita da comunidade de Sabucedo por preservar a súa Rapa fronte ás ameazas do progreso. A través dun enfoque cinematográfico, visceral e sensorial, o documental captura a esencia desta tradición e a resistencia dunha veciñanza que loita por mantela viva», explica o cineasta.
Paralelamente, Brais Revaldería considera que a experiencia inmersiva deste proxecto «marca un fito na forma de narrar a tradición da Rapa, xa que a través da realidade virtual, con 360 graos e tecnoloxía de captura en tempo real, ofrécese unha reconstrución detallada do curro, onde os espectadores poden moverse dentro da area, sentir os cascos golpeando o chan e experimentar a intensidade de todo o ritual como un aloitador máis».
Estrea en Sabucedo
En canto á estrea do documental, Brais Revaldería avanza a súa previsión: «Agora mesmo estamos focalizados na xestión comercial do proxecto para garantir unha distribución o máis potente posible e a nosa intención é realizar unha premier en Sabucedo antes da Rapa deste ano e ogallá poidamos facelo no propio curro».
A experiencia inmersiva xa foi amosada en Nova Iorque e cara Semana Santa chegará a novos espazos. Por primeira vez, os espectadores poderán vivir o curro desde dentro.