
A Asociación Xenerais da Ulla renovou a súa directiva, con Alberto López de presidente, e presentou un traxe azul
27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Xenerais da Bandeira renovou o pasado martes pola noite a súa directiva, que volve a encabezar como presidente Alberto García. No equipo tamén figuran Alberto García como vicepresidente, Diego Cangas como tesoureiro e Mario Rodríguez nas funcións de secretario, entre outros membros do equipo. Na xuntanza deuse a coñecer o cartel anunciador do entroido deste ano e o programa de actos a desenvolver mañá e o sábado na Bandeira.
Os asistentes a asemblea tamén fixaron a nova dirección cultural da asociación, con aposta pola Escola de Xenerais que este ano viviu a súa primeira edición. Nela participan nenos en materia de lírica e posta en escena. Tamén apostarán por potenciar na Bandeira a cultura xeral do entroido galego. O acto serviu para presentar un novo traxe de Xeneral, neste caso de cor azul, que foi feito pola modista estradense Susana García, herdeira do legado do xastre Luis Montáns.
Outro anuncio feito na noite do martes foi a creación de dous novas personaxes entroideiras. Por un lado, o meco «pellote» da Bandeira, que se colgou na praza Juan Salgueiro e presenta unha orde de vestiario distinta cada día. A maiores organizouse unha gincana para topar o meco desaparecido seguindo pistas pola localidade.
A outra personaxe nova é a moira de San Blas. Está asociada á lenda das parcas, habitando a fonte de San Blas. Desde a asociación da Bandeira resaltan que é dona da temporalidade a través das súas cordas da liña temporal e vela pola seguridade dos Xenerais ante as invasións. Pero tras un encontronazo, os Xenerais e a mouro citaranse mañá venres no acto de inicio do entroido. Para dar comezo á celebración, esta nova personaxe deberá perdoar a ofensa dos xenerais e permitir que a festa se leve a cabo.
2.200 euros en premios
Nesta edición do entroido na Bandeira haberá o reparto de 2.200 euros en premios entre as distintas categorías do concurso de disfraces, carrozas, comparsas e charangas. Mañá os actos arrancarán ás 18.00 horas cos cabezudos, vellas e parranda na praza Juan Salgueiro, para despois saír a moura cos nenos da Escola de Xenerais. Ás 20.00 comezará a vellada con rutas polos bares acompañados por Estraloqueiras e a charanga da mocidade da Bandeira. Este primeiro día haberá unha recollida de alimentos non perecedoiros na praza, con chourizos gratis para aqueles que doen produtos.
O sábado o desfile de carrozas e comparsas cos Xenerais á cabeza arrancará ás 16.00 horas para, na carpa na praza Juan Salgueiro, levarse a cabo ás 18.00 o Alto infantil e ás 18.30 o Alto dos Xenerais. Ás 23.00 será a entrega de premios do concurso e a festa rematará coa música de BB+, La Mecánica e DJ Calwin.