
Álex Iglesias capitaneará o xantar, con previsión de 350 persoas
05 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O irmandamento entre o Cocido de Lalín e a Festa da Filloa de Lestedo, que xa se escenificou nunha presentación oficial e na celebración da 57 edición da feira lalinense, dará un paso máis este domingo cunha maridaxe entre ambos pratos.
Así con motivo da celebración da Festa da Filloa este domingo, o Cocido de Lalín viaxará ata Lestedo en forma de multitudinario acto gastronómico do que se fará cargo o cociñeiro lalinense Álex Iglesias, que será o encargado da elaboración do cocido. «Os que veñan á Festa da Filloa terán a oportunidade de degustar un cocido como os que se serve en Lalín, con todos os parámetros de calidade», asegurou o chef lalinense. Os produtos que se empregarán na elaboración do cocido serán todos de Lalín, a excepción dos garavanzos, e xa foron adquiridos para o evento gastronómico da fin de semana. «O venres tocará empezar a cocer toda a carne de porco, despois de desalgala», avanzou Iglesias que capitaneará un equipo de cociña que se encargará da elaboración do cocido. «A intención é que unha persoa que comeu un cocido en Lalín, ou na súa casa, e o veña comer a Lestedo non atope ningunha diferenza e que goce plenamente do prato». A falta de que remate o prazo de retirada de invitacións para o evento, que conclúe nas próximas horas, a previsión dos organizadores é contar cunhas 350 persoas, que degustarán o cocido e as filloas.
A festa celebrarase no pavillón municipal da localidade onde se instalarán mesas redondas para acoller aos comensais, entre os que se prevé unha importante asistencia de lalinenses, «e para min é un orgullo que me chamaran para facelo», apuntou o cociñeiro lalinense que acumula experiencia neste tipo de iniciativas. A máis numerosa, lembra, o Cocido da Once en Madrid en que se deran cita máis de 1.400 persoas, «alomenos aquí estamos cerquiña da casa», explicou cun sorriso.
Co gallo de difundir as excelencias da filloa e do cocido; «non se entende unha cousa sen a outra, a filloa é a irmá do cocido. A filloa é unha das sobremesas que sempre ten presenza despois de comer un cocido, pode haber máis cousas pero a filloa nunca falta», comentou Iglesias, o pasado luns pola tarde dirixiu un obradoiro de cociña centrado nos dous protagonistas do evento.
Un obradoiro que arrincou con todas as prazas ocupadas, e que serviu para elaborar receitas de aproveitamento das carnes e legumes derivados do cocido. De feito algunhas propostas culinarias do chef Álex Iglesias, como os seus canelóns de cocido, poderán probarse tamén en Lestedo este domingo nun stand que instalará a Asociación da Festa da Filloa de Lestedo. «Desde a asociación local presentarán filloas con diferentes recheos, e eu elaborarei o canelón de cocido para que os visitantes tamén teñan a oportunidade de probalo».