María Batán: «O consumo de alcol baixou, pero a demanda de cócteles está en auxe»
DEZA

Móstrase orgullosa da boa sintonía e traballo existente no grupo de barmen da zona
03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.María Batán coñece de moi preto os nervios que supoñen os campionatos, a importancia de acudir cunha técnica depurada e levar presentacións perfectas non só dende o punto de vista visual senón tamén do sabor, que no seu caso tamén importa, e moito. Todo elo, polo feito de que o interese pola coctelería xurdiu na vida desta lalinense sendo aínda menor de idade, pero callou tan fondo, que agora ten ás costas varios premios acadados en campionato galegos e nacionais. O último, a finais do pasado mes de abril, en que se alzou co primeiro premio do XXII Campionato Galego de Coctelería, organizado pola Asociación Galega de Barmen en Compostela, que a lanza a representar a comunidade galega no próximo nacional nas Illas Baleares no mes de novembro.
—Como comeza todo este percorrido no mundo da coctelería que se resume, de momento, en nove premios en sete anos?
—(Ri). Estudei os ciclos medio e superior de Servizos e Restauración no CIFP de Vilamarín, e aínda que me gustou todo, a coctelería un chisco máis e no ano 2018 fun ao meu primeiro campionato de baristas, que se celebrou en Foz. Gañei, e aí souben que era a dirección a seguir. Logo estiven 5 anos traballando nunha coctelería no Carballiño, no medio participei en varios campionatos, o ano pasado no nacional que se celebrou en Lanzarote onde quedei clasificada en xove barman, terceira de España, e o último recentemente en Santiago. Quero destacar o bo traballo, a boa sintonía e os premios conseguidos polos outros compañeiros de Lalín. Somos un grupo de cinco lalinenses: Chisco García, Javier Luaces, Javier García, Antía Paz e eu mesma que intentamos sempre dar o mellor de nós mesmos nos campionatos, e que nos levamos todos moi ben.
—No seu caso un primeiro posto que a leva novamente á participar no nacional.
—Si. Polo de agora pouco sabemos do mesmo. Só que será en novembro, en Baleares, e a listaxe do que poderemos usar se coñecerá posiblemente nun par de meses. Unha vez nos aporten dita información é cando poderemos comezar a traballar sobre o cóctel que levaremos a concurso.
—Entendo que acudir a un campionato eleva o nivel de esixencia habitual?
—Claramente. Facer un cóctel sempre é complexo, nun campionato máis. Hai que contar cunha boa técnica, pasar o exame teórico, que a presentación sexa a mellor posible, que non caia nin unha gota da copa... Son numerosos asuntos os que hai que vixiar, e controlar os nervios tamén.
—Existe ese cóctel ideal?
—(Ri). Penso que non. O cóctel vai en función do que lle gusta a cada un, certo que tamén ten que ser do teu agrado para poder defendelo ante un xurado, pero non sei cal sería o ideal.
—Hai que apelar tamén aos catadores, familia e amigos.
—Aí é onde menos problemas hai (ri). Sempre están dispostos a probar e opinar, que tamén se agradece, pero antes de pechar unha determinada proposta detrás están moitas elaboracións e un número xeneroso delas que acaban tiradas.
—O consumo de cócteles está aumentando?
—Pois mira, é bastante curioso. O consumo de alcol baixou en termos xerais, isto é unha realidade, pero a demanda de cócteles está en auxe.
—Cal pode ser a explicación?
—As redes sociais moven masas, e vemos reunións e encontros nos que os cócteles son os protagonistas, tamén as súas elaboracións... queremos probar, e aumenta a demanda. Por outra parte a hostalaría profesionalizouse e o cliente é tamén cada vez máis esixente. Busca algo que se faga ao momento, con froita fresca... Busca algo diferente. Claro que nos atopamos cos clientes que son de ron e cola, tanto antes como agora, pero tamén os que prefiren innovar.
«Son de poñerlle nomes especiais as miñas creacións, as últimas por miña madriña e meu avó»
O núcleo familiar de María Batán xoga un papel fundamental na súa vida, comenta, tanto á hora de apoiala na súa andaina profesional como acompañala nos desprazamentos cando toca acudir aos campionatos «coma de probar os cócteles que sempre se prestan, e están encantados. Fago habitualmente unha cata para a familia e non hai protestas». Precisamente mañá será unha xornada especial: o seu avó materno Luís de 93 anos, probará o «Luisiño», o cóctel co que María gañou o XXII Campionato Galego de Coctelería, elaborado con licor de cereixa, cava, mezcal (destilado afumado), sirope de froita da paixón e zume de mango; dous ingredientes dos que tira habitualmente pola súa óptima combinación. «Meu avó é moi importante para min, ao igual que toda a miña familia, que sempre está aí e por iso lle quixen dedicar este cóctel que lle darei a probar mañá. Son moito de poñerlle nomes especiais ás miñas creacións. O do campionato nacional do ano pasado chamábase «Lorenzo», na lembranza da miña madriña que faleceu, e que era o meu sol que brilaba», explica cos sentimentos a flor de pel.
María Batán lembra que foi a primeira barmaid da zona, pero a presenza das mulleres no sector está cobrando agora forza. «Antes por cada muller había 4 homes, e na celebración dos últimos premios eramos 4 mulleres e 2 homes. As cousas están cambiando afortunadamente en todo, e aquí tamén». Agora toca centrarse na próxima cita nacional para esta moza lalinense que nunca se pon límites, e que afirma traballará duro para «intentar revalidar a terceira praza do campionato nacional que xa sería un enorme logro, tendo en conta que en Baleares está previsto que concursemos un total de 42 candidatos, sendo o nivel e as esixencias moi altas».