Un debate sobre o estado do Concello de Lalín

Rafael Cuíña

DEZA

06 may 2025 . Actualizado a las 09:28 h.

Aos políticos sempre se nos enche a boca falando de democracia, transparencia, dereitos e demais, mais non sempre estamos á altura do que proclamamos.

A proposta de quen lles escribe, a corporación municipal de Lalín vai celebrar un «Debate sobre o estado do Concello», novidoso e acordado por unanimidade polas diferentes forzas políticas que representamos aos lalinenses. Sen dúbida un avance substancial na comunicación á veciñanza de cal é a realidade da nosa situación coma sociedade, e cal é a visión da oposición dende unha postura fiscalizadora da xestión de goberno, e a credibilidade dunha posible alternativa.

Debater sobre a xestión dos cartos de todas e todos, sobre a presión fiscal aos lalinenses, sobre a tendencia ao despoboamento do noso rural, o propio concepto urbano de vila, a situación dos servizos sociais, ou as políticas culturais, son cuestións que a min me preocupan coma representante público, e que deben ser tratadas no foro axeitado para iso, que é o pleno do Concello, onde estamos os representantes escollidos democraticamente pola veciñanza.

Lía estes días sobre a vida do finado Papa Bergoglio, e descubrín que temos en común algún autor de cabeceira coma é Chesterton, do que sempre repito unha frase, que teño moi presente: «A aventura poderá ser tola, mais o aventureiro ten que ser moi serio». É unha sentenza que teño moi presente. Ás veces os políticos non xestionamos correctamente os cartos públicos, porque non nos vai no peto, e tomamos iniciativas sen medir as súas posibles consecuencias, porque quen as paga son os demais. Lalín ten que ser un referente tamén na súa xestión pública, ten que existir a suficiente información ao administrado para que este teña claro o que se fai coa responsabilidade encomendada ao político, e isto por desgraza non sempre pasa.

Chegados a metade do mandato é necesario pois render contas ante as veciñas e veciños, e ao mesmo tempo transmitir que os seus representantes públicos traballan para un Lalín mellor, e que estar formando parte dun pleno é unha alta responsabilidade, e non un escaparate social cara outros intereses.

Lalín será pioneiro en un avance de transparencia que sería bo tivesen outros concellos da nosa categoría, mais non coma unha exhibición cara fóra, senón coma unha reflexión conxunta cara nós mesmos, para saber que futuro decidimos para os que veñan detrás de nós, dende a responsabilidade e o compromiso.

Ou non? .