Concertos de Roi Casal e Treixadura para festexar as Letras Galegas baixo a carpa da Praza do Concello

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

concello da estrada

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada festexará o Día das Letras Galegas ao grande. Aproveitando que a data coincide este ano na véspera da Festa do Salmón, o Concello instalará unha enorme carpa na Praza da Constitución que garantirá todos os espectáculos aínda en caso de choiva.

O programa arrincará hoxe xoves, cun concerto didáctico ás 20.30 horas no teatro Principal. Leva por título Axúdame a cantar e estará protagonizado por Felisa Segade e Montse Rivera, integrantes de Leilía.

Mañá venres a Casa das Letras acollerá ás 17.00 horas o contacontos Viaxes e cancións dos ratos de Lonxedetodo. Pola noite, un concerto do artista Roi Casal estreará a grande carpa que onte comezou a levantarse fronte ao concello, con 750 metros cadrados de superficie. Presentará o seu espectáculo Ambos mundos, que recompila os temas máis famosos do músico galego aderezados coas súas últimas creacións.

O propio día das Letras Galegas, o sábado, terá lugar o pregón ás 12.00 horas ao pé do monolito dedicado a Marcial Valladares na alameda. O pregón correrá a cargo das cantareiras e cantareiros do Regueiriño de Lamas e Tequexetéldere, que tamén interpretarán algunha peza. Deseguido terá lugar a tradicional ofrenda floral ante o monolito e a actuación da Banda de Gaitas de Barbude. Pola noite, Tequexetéldere volverá ao escenario, esta vez como grupo anfitrión do Festival Folclórico do Salmón (Teatro Principal, 19.00 horas) xunto ao grupo Caramancho (Badaxoz).

O 17 de maio rematará coa música tradicional do mítico grupo Treixadura (Praza do Concello, 22.00 horas).