
O serán reuniu a dez dos doce grupos de música tradicional do concello
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A música de pandereitas e gaitas e as veces das cantareiras encheron de son a Praza da Igrexa nun Serán das Letras que contou coas actuacións de dez dos doce grupos de música tradicional coas que conta Lalín. Polo escenario pasaron os membros de Carballo da Manteiga, A Carballeira de Cercio, Ailola, as Pandereteiras Ponte da Prata, a asociación Randela, Repenicando, as Pandereteiras de Bendoiro, Roseira Brava e as Pandereteiras de Zobra ás que o Concello quixo render un homenaxe neste día.
As veteranas cantareiras da parroquia lalinense, xunto cos novos membros que traen savia nova e garanten a continuidade, recibiron de mans da tenente alcalde, Paz Pérez Asorey e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, unha placa cerámica de recoñecemento porla súa longa traxectoria e unha cesta de frores.
Do grupo forman parte Amparo, Celsa, Maruja de Taboada, Samuel, Maruja de Munín, Lola de Pousao, Lidia, Xiana, Aldara, Leire e Isa Fernández Muradás, filla de Celsa. O grupo recibiu o acendido aplauso dos numerosos asistentes que enchían a praza cunha actuación na que no faltou algún potente aturuxo.
Nesta edición, os grupos completaron as súas intervencións mostrando algún traxe tradicional que levaba cada un e explicando cada peza, o seu uso e tamén o seu significado. Begoña Blanco destacou o especial desta data e máis este ano no que as Letras Galegas están dedicadas a todas esas cantareiras que mantiveron viva a tradición e as que veñen detrás e seguen a espallar música e cantares.
O venres pola tarde o grupo Tiruleque ofreceu un concerto na mesma praza, un acto que se encadraba tamén dentro do programa do Concello de Lalín en conmemoración das Letras Galegas.
En Silleda, celebrouse Xonga, unha festa única que medra con forza e que este ano reuniu na carballeira das Pedrosas as principais asociacións do Concello de Silleda e arredores. A xornada arrancou cun vermú musical seguido dun xantar musical cun menú a base de churrasco. O bo tempo e unhas temperaturas de primavera animaron a participación nunha festa organizada pola asociación cultural Xirandola e o Concello de Silleda.
Durante todo o día houbo xogos para cativos e maiores, actividades culturais e servizo de bar, e a partir das 16.30 horas unha animada foliada aberta á participación de músicos, cantareiras, bailadores e público en xeral.
A música animou o ambiente e o baile. Al longo do día tamén houbo sorteos de agasallos doados por comercios colaboradores.
En Vila de Cruces, a música tradicional tamén foi a protagonista no XIX Festival Folclórico que arrancou cun pasarrúas ás 18.30 horas e as actuacións, na Praza da agrupación Almirez, de Rebollosa de Hita, en Guadalaxara; Vai Nela, de Salgueiros e a asociación cultural Punteirolo. Unha celebración que contou co apoio da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea.
En Agolada, a Banda de Música Municipal de Agolada ofreceu o tradicional Concerto das Letras Galegas que tivo lugar a partires das 20.00 horas na Praza do Concello. A formación musical tocou baixo a dirección de Adrián Pazos e contou coa actuación como solista de José Manuel López, Joselu.
Ruta e máis música para a xornada de hoxe na zona
Hoxe a música tradicional e os actos das Letras Galegas continúan nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. En A Estrada terá lugar a Ruta das Letras organizada por A Fervenza de Ouzande con saída ás 9.30 horas desde a igrexa de Ouzande. Os participantes serán agasallados cun libro en galego. En Vila de Cruces celébrase a festividade de San Cidre cun pasarrúas e as actuacións de Punteirolo e Amorodio na Praza. En Agolada, Bico da Balouta celebra un encontro de música tradicional coa súa actuación e a de Bots, de Graus (Huesca) ás 19.00 horas na Praza do Concello. De 11.00 a 13.00 horas terá lugar un obradoiro de bailes do Pirineo Aragonés con Sergi Llena Mur. Na Fundación Neira Vila, entrégase ás 18.00 o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia.