Escoitaba estes días a un grupo de vellos amigos comentar o rebumbio mediático permanente que hai na política do Estado, e o canso que é a batalla permanente entre egos de persoas que semellan non ter en demasiadas ocasións o mínimo nivel.
Sempre tiven ansia, case dende neno, por escoitar aos grandes oradores parlamentarios da nosa Democracia. Dende o rigor na cadencia expositiva de Adolfo Suárez, a épica fascista do propio Blas Piñar, a floritura argumental de Felipe González, ata chegar aos nosos días ao verbo punzante de Gabriel Rufián ou a envexable solvencia do meu amigo Aitor Esteban. Todos eles ao seu estilo, conseguían provocar a miña atención, porque a pesares de poder estar nas antípodas do seu pensamento, sempre sacaba algo positivo das súas intervencións. Incluído o que nunca se debe facer.
Nestes tempos actuais, de floretes dialécticos deturpados, e de argumentos interesadamente viciados, a cidadanía transmite odio ao que non pensa coma el, e constrúe trincheiras presuntamente morais, que non durarían un so segundo noutros tempos, pola fraqueza dos seus raciocinios, e a incoherencia das súas propias actitudes. Non estamos os políticos nestes tempos para dar leccións de ética á cidadanía. A integridade non ten necesidade de regras, como dicía Camus, mais a evidencia é que as necesitamos para todo, sinal de que a nosa sociedade segue nun limbo de puerilidade, do que semella non querer saír.
Creo que non so é atribuíble á caste política a situación actual. Cada individuo que opina nun faladoiro con intereses bastardos por detrás, os medios que condicionan os escándalos en función da súa liña ideolóxica, ou a adoración ao becerro de ouro da pecunia, fan que todos sexamos responsables do que acontece. Se votamos a mediocres nas Institucións, se aplaudimos a altofalantes convertidos en telepredicadores de caos inventados, e se somos submisos aos intereses expúreos dos que so pensan finalmente en si mesmos, convertémonos en parte do problema, cando democraticamente debéramos ser parte da solución.
Así pois na cidadanía está a posibilidade de mudar o espectáculo bochornoso que vemos a diario, lembrando que en democracia o pobo ten dereito a errar, mais tamén os mecanismos axeitados para rectificar.
Ou non?