
A asociación Regatos e o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, veñen de presentar este martes a vixésimo cuarta edición do festival folk De Raíz, que se celebrará na parroquia de Callobre o sábado 12 de xullo.
O programa reforza a súa aposta polo tardeo, con xogos tradicionais a cargo de Sororas e obradoiro de baile da man de Xandre Outeiro. Esta última actividade foi demandada polo público con ganas de gozar bailando do Folk de Raíz pero sen moita idea de como facelo.
Pola parte da asociación Regatos participaron na presentación o presidente, José Tato; o secretario, Daniel Abalo, e as vogais Rocío Bravo e Mari Carmen Rodríguez. Segundo explicaron, no festival actuarán Cé Orquestra Pantasma —un grupo que repite presenza e que «funciona en calquera ocasión»—, Regatos, Mondra e Son das Tabernas.
Regatos, que ten a sorte de ser profeta na súa terra, é un clásico ineludible do Folk de Raíz.
Mondra presentará en Callobre o seu segundo traballo discográfico, De Ronda, un álbum persoal e irreverente, «para seducir ou ser seducido». Debutou con él en maio na Sala Capital con dous cheos e ten a axenda para este verán chea de concertos. Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país.
Completa o cartel Son das Tabernas, por petición popular desde a súa exitosa actuación na Feira da Sidra do ano pasado. O grupo chegará a Callobre ao calor da súa xira Compromiso.
O cartel da festa é obra da deseñadora Rosa de Cabanas e está inspirado no traballo de Mondra.
Postos de artesanía, polbería, zona de acampada e zona de aparcamento completan a oferta dun festival que xa é un dos clásicos da Estrada.
Referente todo o ano
O alcalde da Estrada aplaudiu a actividade da asociación Regatos non só polo deseño deste festival, senón polas súas Noites De Raíz, que converten Callobre en referente durante todo o ano cunha «maridaxe perfecta» de música e gastronomía.