Nerea Pallares recolle hoxe o García Barros e a súa novela chega ás librarías

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Punto de araña, a obra coa que a autora Nerea Pallares gañou o premio de novela Manuel García Barros 2025 acaba de chegar ás librarías. A obra, que abraza a forza do mar e das voces esquecidas, érguese como unha homenaxe ás mulleres que, en silencio, sosteñen o mundo. 

A novela conta a historia de Ari, que chega a Camariñas chamada por un vento vello, por un mar que nunca esquece. Sen saber por que, esa vila labiríntica ten algo que lle fala desde dentro. Ocúpase do museo do encaixe e exerce de guía turística, pero axiña descubrirá que as cousas alí non son como aparentan. As palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— deciden poñer fin á inxustiza e ao esquecemento. Fartas de levar ás costas o peso do mundo, invocan ás arañas: tres forzas da natureza, gardiás dun poder antigo e feminino, que veñen para mudar a orde establecida.

Tecida a varias voces, Punto de araña é unha novela mariñeira e coral, unha loa ás redes invisibles que nos salvan e nos sosteñen. Unha historia de loita, amizade e transmisión entre xeracións. Un berro desde a costa para que as mans que fiaron a historia por fin sexan recoñecidas.

O teatro Principal da Estrada acollerá hoxe ás 20.00 horas o acto de entrega do premio García Barros á escritora Nerea Pallares por esta obra. Será un acto aberto no que o público asistente recibirá un exemplar do libro.

Nerea Pallares (Lugo, 1989) é licenciada en Xornalismo e máster en Estudos comparados de literatura, arte e pensamento pola Universidade Pompeu Pabra. Desenvolveu proxectos en París, Lisboa e Córdoba e na actualidade traballa en Madrid como xornalista freelance. Como autora ten varios libros publicados.