A mortalidade de 1769 na Estrada

juan andrés Fernández A ESTRADA

DEZA

cedida

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na derradeira páxina do libro de defuntos correspondente a 1769 o párroco de Santo André de Vea, Ignacio Losada y Gavilanes, anota este comentario: Vete con Dios año de 1769, que Dios libre a la Galicia y en especial a este arzobispado de otro como el.

No libro da fábrica da parroquia de Ouzande correspondente a aquel ano o cura fai constar que se consumiron cuatro libras de cera en velas por ser mucho el consumo por haber muchos muertos, e engade que na Confraría das Ánimas no 1769 se murieron 26 cofrades, cando o habitual era unha cifra que oscilaba entre 3 e 6.

Xosé Cornide Saavedra (1734-1803) deixou escrito: Ocho meses ha que en este país [refírese a Galicia] no se ha visto el sol, se han podrido los frutos en la tierra y los pocos que con gran trabajo se han recogido se corrompen o quedan incapaces de durar. Las continuas lluvias del verano de 1768 arruinaron el sembradío de trigo y centeno y en otoño se frustró la recolección del maíz.

E nunha representación da Xunta do Reino de Galicia elevada á Corona infórmase de que la mala calidad y escasez de los alimentos fueron causa de que se propagasen entre las gentes pobres unas fiebres que aniquilaron a muchísimo número de vecinos, como lo justifican varios pueblos enteramente desiertos y otros en que se cuentan por centenares los muertos.

A crise de mortalidade de 1768-70 acadou o seu punto culminante no verán-outono de 1769 e castigou con especial intensidade a área estradense, que chegou a perder un 15 % da súa poboación, cómputo francamente conservador porque unicamente se rexistraron os falecementos ocorridos na parroquia, cando hai evidencia de que moitas persoas, abrumadas pola desesperación e a fame, botábanse a pedir polos camiños ou acudían ás cidades na procura da mantenza que proporcionaban conventos e institucións de caridade, e alá morrían. Detéctanse tamén graves neglixencias e omisións no rexistro de óbitos de neonatos, propias das épocas de grande aflición; “non paga a pena -razonaría o párroco- vai durar dous días o meniño”, e así falecían aqueles inocentes sen deixar rastro do seu breve tránsito por este mundo. A historia foi sempre inxusta cos parvuliños ata o punto de que e as súas mortes chegaron a acadar nalgunhas épocas a consideración de accidentes vanais que os posteriores nacementos viñan reparar.

Este primeiro tramo da vida, como cabe esperar, veuse especialmente afectado por aquela crise de 1769. Velaquí algunhas cifras que nos amosan a súa terrible letalidade. O cura de Ouzande rexistra no libro de defuntos 19 meniños entre cero e dez anos, cifra que debemos incrementar deica 25-30, cantidade que se alonxa considerablemente da mortalidade de anos “normais”. Os óbitos rexistrados antes do ano de vida -a maioría- adoitan estar relacionados con deficiencias graves da nai durante a xestación, circunstancia que afectará de modo especial aos embarazos coincidentes coas crises alimentarias. Prodúcense daquela nacementos prematuros ou con pouco peso, escasamente viables e que adoitan falecer antes do mes de vida por efecto das diarreas e deshidratación, máxime en ausencia de lactancia materna. O falecemento da nai comprometía de maneira definitiva a vida do fillo lactante, que case nunca lle sobrevivía. A falla do agarimo da nai e o suministro de alimentación inadecuada ao que se engadían as afeccións típicas da infancia -difteria, diarrea, escarlatina, sarampelo, tosferina…- acababan decontado con aqueles que superaban os seis primeiros meses de vida. Os decesos ocorridos entre os tres e dez anos, acadada xa a autonomía alimentaria, terían a súa orixe na desnutrición e as infeccións intestinais agudas, sobre todo nos meses estivais.

A cifra de 6.000 falecidos que propón Meijide Pardo para 1769 na provincia de Santiago, sendo considerable, parece, ao meu xuízo, en exceso moderada; debeu de haber abondo máis decesos; a gadaña segou vidas a eito en toda Galicia pero encarnizouse na área estradense; colmáronse aquí as sepulturas das igrexas e houbo que enterrar os mortos extramuros. Faleceron 51 persoas en Ouzande; 46 en S. André de Vea; 39 en Orazo-Loimil; 37 en Rubín; 40 en Rivela, por citar tan só algunhas parroquias e a media anual quituplícase aquel ano pasando de 6´12 a 30´2.

A crise de mortalidade de 1769, a derradeira e máis letal da Idade Moderna, pode presentarse como sobranceiro exemplo da tensa relación entre as persoas e os factores climáticos que condicionaban as colleitas, sempre insuficientes para manter a unha poboación en continuo crecemento.

Naquel ano creba estrepitosamente este precario equilibrio precipitándose os acontecementos conforme á secuencia: a) fenómenos climatolóxicos adversos no 1768; b) ruína das colleitas daquel ano; c), esgotamento prematuro do cereal; d) desmedido aumento dos prezos do trigo e do centeo; e) subalimentación, fame, estados carenciais e de desnutrición; grave deterioro do sistema inmunitario; f) enfermidades de compoñente respiratorio e intestinal; e g) morte.

Cómpre salientar, por último, un factor que xa sinalan as fontes e que arriba se amentou: o compoñente socioeconómico da crise. A morte castigou de modo especial os máis pobres, aqueles que, manténdose precariamente nos estreitos límites da subsistencia sucumbiron ao definitivo embate da fame.

Pero a desgraza non había durar sempre; tralo ceo escurecido asomou de novo o sol. Xa se albiscaban no horizonte algúns dos cambios que habían aliviar as condicións de vida do campesiñado: a melloras das técnicas agrarias, a definitiva adopción do cultivo do millo, a expansión da pataca, a mellora das institucións asistenciais e a inoculación antivariólica que Balmis levou a América no tenro corpo de 22 meniños galegos.