
Alá a finais dos anos oitenta, na parroquia estradense de Arnois, un grupo de mulleres, nais e activistas rurais, tivo a idea de crear un grupo de baile e música tradicional. O proxecto fíxose realidade e comezaron a ensaiar na antiga escola do Carballal, un lugar con moita historia de ensino e cultura. Dirixido por un mestre novo da contorna de Santiago, o grupo recibiu a mozas e mozas e case non quedou casa da parroquia na que a rapazada non bailase ou tocase nel. As primeiras actuacións foron nas festas das Flores, nos
Días da muiñeira, no Entroido e noutras moitas da comarca Ullán.
Axóuxeres, tal é a denominación da Agrupación Folclórica de Arnois, durante décadas organizou festivais, encontros folclóricos e ata viaxes a outras comunidades, como ao Pais Vasco. Foron anos de baile, música e tradición. A agrupación contaba cun cuarteto de música tradicional de acompañamento, cuxos membros eran herdeiros dos Cristobos, grupo de moita
tradición musical na zona dende antigo: Marco (gaita), Manolo (tambor), e Iván (bombo). Máis tarde incorporouse Emilio para a gaita e tamén participaba Pepe da Carballeira, tocando o acordeón diatónico. Carmiña, sempre estaba para todo. Tanto amañaba un mantelo como facía un café, falaba cas familias ou se encargaba de que a Escola estivera en perfecto estado. De moza, fora emigrante en Venezuela xunto con algún dos seus irmáns. Era entusiasta, moderna e teimosa para lograr o ben común dos veciños.
A nosa Carmen Couto foise neste maio, o ano dedicado á tradición oral das Cantareiras, mágoa para todos os que a coñeciamos. Ben seguro estará
animando dende o ceo a todos. Eso sí, botamos de menos a súas tertulias na casa do Caminero de Arnois.