A Malla de Doade máis calorosa

Manuel Blanco Villar

DEZA

01 sep 2025 . Actualizado a las 20:42 h.

Dende o Museo Casa do Patrón, entidade organizadora do evento, queremos expresar o noso máis profundo agradecemento ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao alcalde de Lalín, José Crespo, ao xefe territorial do Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, aos concelleiros de Lalín presentes, veciños de Doade, amigos e colaboradores do museo participantes, artesáns de Galicia, 14 pintores, escultores e fotógrafos etnográficos que expoñen na V Mostra de Arte da Malla, que continuará aberta ata o vindeiro 20 de setembro, servizo de catering, que tan ben nos dou de comer, dez agrupacións musicais que nos alegraron durante todo o día, voluntarios e persoal de Protección Civil de Lalín, servizo de Emerxencias de Galicia, vixías da nosa seguridade. Tamén aos milleiros de visitantes procedentes de toda Galicia, varias comunidades de España e mesmo doutros países, como Portugal, Francia, Panamá, Arxentina, Venezuela, Brasil, Colombia ou O Salvador, que aquí se achegaron durante toda a xornada, por contribuír ao rotundo éxito da XXVI edición da Malla Tradicional de Lalín, celebrada en Codeseda o pasado día 23 de agosto.

Vaia tamén a nosa gratitude para a Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Lalín, pola colaboración prestada, sen a que non resultaría posible a celebración de tan grande evento, que constitúe un fito compartido sen precedentes na nosa comarca. Queremos dedicar un emocionado recordo a toda aquela xente que xa non nos acompaña fisicamente, pero que vivirá sempre no noso corazón, que fixo posible que esta Malla, ademais de pervivir no tempo, se convertera na máis completa, participativa e visitada de Galicia, cun imparable e continuado ascenso durante case tres décadas.

Se cada mes de agosto acudimos puntuais a cita anual coa Malla, incluso en plena pandemia e mesmo baixo a choiva, este ano foi a Malla máis calorosa de todas, trinta grados de temperatura, pero sobre todo, polo calor humano achegado por tantos centos de persoas que nos arrouparon durante todo o día, nun ambiente san, cultural e festivo, típico das antigas mallas das aldeas galegas, que tanto levan sufrido. Varios días despois, aínda continúan soando pola aldea de Codeseda os ecos de antano que reproducimos na malla, como a chamada da buguina, o zunido de máquinas e motores, ou o retumbar dos males enriba do pote soterrado nas eiras das antigas mallas galegas, que acadaron o seu máximo expoñente na Comarca de Deza, a única de Galicia da que hai constancia de mallar a «meda vella», como sinal de fartura e poderío. Cada vez que executamos a malla, ademais de homenaxear aos nosos antepasados, estamos lembrando a súa importancia histórica, por constituír un lugar de reunión e socialización nas parroquias do noso rural, representando o traballo sociocomunitario máis relevante da Galicia interior, estando baseadas no respecto, a solidariedade e o cariño que desprendía a súa veciñanza, tratamos de mostrar e transmitir esta fermosa tradición xunto cos seus grandes valores, que non tiveron ocasión de coñecer os menores de corenta anos, ás novas xeracións para que non se durman na noite dos tempos.

Tanto pola amplitude e calidade das súas actividades e recreacións, nunha paraxe natural de gran beleza paisaxística, como pola gran participación rexistrada, coa inclusión de moita xente nova, que garante a súa continuidade cara a futuro, así como a masiva asistencia de público, que, segundo os nosos datos, este ano bateu todas a marcas de anos anteriores, coa presenza física de preto de 3.000 persoas que pasaron nas máis de dez horas ininterrompidas que durou o evento polas diversas dependencias nas que se celebraron as múltiples actividades desta gran mostra etnográfica, cultural, gastronómica, natural e festiva do máximo nivel, podemos concluír que a Malla Tradicional de Lalín sitúase na elite das mallas galegas. Nas vindeiras edicións tentaremos continuar potenciando a participación e asistencia masiva e o ambiente alegre e festivo, do que xa goza esta malla, redobrando a captación de asociacións, grupos folclóricos e charangas, que agranden aínda máis, se cabe, esta singular festa feita polo pobo e para o pobo, que representa un éxito compartido do mundo rural galego en xeral, e de Lalín e da comarca de Deza en particular.

Para o ano, máis e mellor!.