Na lembranza de Hortensia Taboada, a derradeira tecedeira da comarca de Deza

daniel gonzález alén LALÍN

DEZA

Daniel González Alén

Foi fundadora de Pandeireteiras de Zobra, que recuperaron cantigas e bailes

11 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén de ser soterrada na parroquia lalinense de Zobra, Hortensia Taboada Cachafeiro, a derradeira tecedeira da comarca de Deza e poida que de Galicia, a quen coñecemos a principios dos anos setenta do pasado século cando exercía esta profesión artesanal coa súa nai Dolores, de quen aprendera este oficio tradicional que, con algo de labranza, daquela daba para ir vivindo. Zobra era, naqueles anos, o último reduto do cultivo e a elaboración do liño na comarca, que exercían nai e filla e que, co pasamento da predecesora, ficou unicamente en mans de Hortensia. Por mor diso, fomos na súa procura para facer unha reportaxe para a prensa no ano 1974 e logo para un documental, co título Fiadeiras de Zobra (1977), no que Hortensia era protagonista principal, ben secundada polos veciños e veciñas da senlleira parroquia do Candán. A película, que garda agora a AGADIC da Consellería de Cultura da Xunta e pode ollarse na Internet, acadou o primeiro premio “Filme de Ouro” no Festival de Cine de Vilagarcía de Arousa do ano 1981. En anos posteriores fixemos varias reportaxes máis, para a prensa e varias televisións, así como unha ampla referencia no libro A Comarca do Deza (1989 e 1996), versando sobre os labores e as festas que este cultivo motivaba nesta parroquia de Zobra, contando sempre coa altruísta colaboración de Hortensia, que chegaba ao verdadeiro entusiasmo, cando se trataba de mostrar o seu oficio artesanal do que estaba tan orgullosa e ansiaba deixar constancia del para as novas xeracións. Do mesmo xeito, encargaríase xunto con outras veciñas da zona que formaban o grupo Pandeireteiras de Zobra, de recuperar e ofrecer en público, alí onde eran solicitadas, as cantigas e os bailes que se escoitaban nas espadelas e fiadeiros daqueles tempos non tan remotos en que aínda se ouvían aturuxos a volta das celebracións que tiñan lugar nestas terras que domina a Serra do Candán e atravesa o río Deza, que aquí regala fermosas paisaxes de ribeira.

Da triste perda da súa única filla, Esther, aínda nova, que lle deixou dous netos e unha fonda pegada sentimental, tentou Hortensia sobrepoñerse, para seguir ao pé do tear e coas cantigas ata que a memoria deixou de gardar o moito vivido na súa longa e proveitosa vida, que remataba o pasado día 8 de setembro, con noventa e tres anos de idade.

Polo seu meritorio labor e exemplar traxectoria vital, prezada e admirada polos seus veciños, fora recoñecida coa distinción de Lalinense do Ano, por toda unha vida, no ano 2011 e, oito anos máis tarde, volvería ser galardoada, xunto as súas veciñas e amigas Amparo Dobarro e Celsa Muradás, con este mesmo mérito, polo seu labor a prol a música tradicional.

De Hortensia Taboada, a derradeira tecedeira de Deza, deixan imperecedoira lembranza centos de pezas de liño, la e farrapas, saídas do seu obradoiro de Zobra, ducias de reportaxes nos medios audiovisuais e, sobre todo, na memoria dos da súa familia, da veciñanza e de cantos a coñecemos, o seu ledo sorriso e no bico un cantar.