Inasus cumpre 55 anos dun soño emprendedor de innovación constante

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Unha celebración que a familia Cuíña levou ao lugar onde habitan as súas raíces

20 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Á sombra da carballeira de Santa Lucía, nas terras do muíño de Cuíña, en Prado, onde en 1918 empezou a historia emprendedora desta familia lalinense, Inasus festexou 55 anos de un soño emprendedor que, non exento de dificultades, situou a esta empresa lalinense na vangarda arquitectónica co deseño de fachadas singulares e innovadoras. Máis de medio século de éxitos, de esforzo e de traballo dunha firma pioneira que camiña cara un futuro sólido e cheo de novos retos.

Inasus, que leva o nome de Lalín e de Galicia polo mundo, é sinónimo de tecnoloxía. Artífice de proxectos como a fachada do novo estadio do Santiago Bernabeu do Real Madrid, do aeroporto de Heatrow ou da sede de Google en Dublín, naceu coa visión de transformar a arquitectura e a construción a través da innovación e o compromiso co cliente.

Máis de medio século despois segue a espallarse polo mundo facendo realidade grandes retos grazas a un equipo multidisciplinar que «fai que o extraordinario pareza sinxelo». A celebración reuniu onte á familia Cuíña nun enclave onde está o seu corazón e as súas raíces e onde estivo acompañada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o alcalde de Lalín, José Crespo; así como a portavoz do PSOE municipal, Alba Forno e a directora técnica da AED, Chus García, xunto cos traballadores nunha xornada de festa e tamén de recoñecemento á dedicación e á entrega.

O acto estivo presentado por Gúmer Portas que deu paso, tras un vídeo sobre a historia dunha r que encara o futuro «coa determinación de seguir medrando, innovando e aportando valor en cada proxecto», a Xabier García, director xeral de Inasus. Este puxo en valor o talento, sacrificio e o orgullo dunha plantilla de profesionais que integran 250 persoas, o 25 % delas mulleres, de 12 nacionalidades nunha firma que factura máis de 40 millóns de euros e está presente en 11 países de tres continentes. Onte a firma quixo homenaxear a catro traballadores que levan 25 anos na empresa.

A presidenta e conselleira delegada, Olalla Cuíña, e o conselleiro delegado Alberto Cuíña, fixeron entrega a Xabier García, a David Pedro Enríquez, a Manuel Castro e a José Antonio González, dunha placa e dunha smartbox personalizada como agasallo pola súa dedicación e entrega nestas máis de dúas décadas na firma. Uns recoñecementos aos que se sumaron os feitos a os irmáns: Xosé (a título póstumo), Ramón e Eladio Cuíña, fundadores dunha empresa que naceu de xeito humilde nunha palleira e que soubo sortear mil dificultades ata converterse no que é.

Demanda de apoio ás Administracións e compromiso social

Olalla Cuíña destacou as accións dunha firma «profundamente enraizada en Galicia», a aposta do grupo pola FP Dual con tres convenios coa Consellería de Educación e tamén coa AED e o incremento nun 50 % das axudas sociais xunto co compromiso pola sustentabilidade con convenios como o que manteñen coa comunidade de montes de Bermés e as accións cara a unha pegada de carbono cero. Ás Administracións lles pediu apoio e convidou aos seus representantes a visitar as instalacións dunha firma que conta con 200 traballadores con contrato indefinido. Rueda recollía a luva, manifestando o orgullo de presumir en Galicia de empresas familiares como Inasus. Aludiu ao traballo de Xosé Cuíña na política, significando que «tiña unha visión global» e agradeceu esa vocación a seu fillo Rafael Cuíña.

Xosé, Ramón e Eladio: 3 irmáns cunha visión

Foi tamén un día de emocións, de anécdotas e vivencias compartidas de 55 anos dunha historia que desgranou Alberto Cuíña e un proxecto que non houbera sido posible sen a visión de tres irmáns que complementaron os seus talentos para crear unha empresa punteira que non quixo deixar a terra e que ten a Galicia e a Lalín por bandeira. Esa Galicia, nai e señora, que Rafael Cuíña, volveu a pronunciar en memoria de seu pai, Xosé Cuíña.

Na súa intervención Ramón Cuíña, contou que cómo xurdiu aquilo de montar unha carpintería metálica cando o aluminio era unha cousa nova. Relatou que «Pepe chegou da mili, eu estaba muxindo e díxome: temos que marchar a Francia ou a Suíza porque con estas nove vacas non damos pagado o crédito e os xuros estaban ao 18%». Alguén lle falou dese material novo e na palleira que tiñan, de 200 metros cadrados, arrancou a carpintería que sería o xermolo de Inasus. Conta que «as primeiras fiestras que cortei foron ao revés e houbo que tiralas. Pepe trouxo despois dous carpinteiros de Vigo e traballabamos 10, 12, 14 horas». Na crise do 73 «tiñamos 10 ou 12 traballadores» e no 1978, «Eladio chegou despois de facer a carreira de Económicas». Deu as grazas a persoas que como María Teresa López Noguerol, cuxo fillo asistiu onte aos actos, lles prestou nos anos 80, 8 millóns das antigas pesetas que lles permitiron saír adiante, e a Tuno Valdés, director do BBVA, «que tanto nos axudou». Ramón destacou a intelixencia natural do seu irmán Pepe e a enorme capacidade de Eladio que fan del «o mellor xestor do mundo».

«Un tipo loitador», «un xenio». Foron algúns dos cualificativos cos que antigos empregados, algúns dos comezos, describían a Xosé Cuíña. Un contaba que «para el, a familia o era todo» e que «quixo implantar xa s a xornada intensiva de mañá no 78, pero non tirou para adiante porque eramos novos, íamos ás festas e nos daba o sono».

Desa carpintería, a empresa daría o salto ás fachadas, que supuxo un salto cualitativo. A internacionalización pola que apostaron foi un dos pasos dunha carreira de obstáculos que levou a pasar daquela palleira a más de 25.000 metros cadrados en naves e obras en 40 países, a última «unha ponte en Kenia», apuntaba Ramón. O alcalde de Lalín, José Crespo, resaltou que os tres irmáns facían «un trío imbatible, todos se complementaban» e os puxo como exemplo de que «o local non está pelexado con ser internacional» facendo posible «unha historia de éxito sen deixar Lalín, sen deixar a casa».

A carballeira, ao carón do río Santa Lucía, foi o escenario perfecto para pechar máis tarde a festa cunha comida e as actuacións de Versionettes e Grupo a lo Cubano (Insieme) encargados de por o broche a unha xornada marcada polas lembranzas, os agradecementos e a proxección dun futuro compartido.