
Esta é a primeira edición do premio, dotado con 6.000 euros
23 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor Gabriel Romero de Ávila recolleu onte en Santiago de Compostela o I Premio Neira Vilas de literatura xuvenil acadado pola súa obra Odio. O certame, dotado con 6.000 euros, púxose en marcha este ano por primeira vez co apoio da Xunta de Galicia e co fin de por en valor a importante contribución de Xosé Neira Vilas como precursor desde xénero en Galicia.
O acto de entrega do premio contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García; o autor da obra gañadora, Gabriel Romero; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira, así como o director xeral da editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. O certame foi organizado pola Fundación Neira Vilas e a editorial Galaxia en colaboración co goberno galego.
Valentín García enxalzou a «calidade e solvencia» da obra gañadora que, dixo, estar a altura «do autor que homenaxeamos con este certame» cualificando a Neira Vilas como «pioneiro» da literatura infantil e xuvenil en galego coa obra Memorias dun neno labrego «considerada por méritos propios como o bestseller da literatura escrita en galego».
Lembrou que é a publicación máis editada, con 700.000 exemplares, e tamén a máis traducida, xa que se pode ler en idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, o ucraíno, o búlgaro, ou o esperanto, o checo ou o ruso, contando tamén incluso cunha edición en braille.
En canto o gañador do certame, Gabriel Romero de Ávila presentouse co pseudónimo Balboa e acadou a decisión unánime do xurado. Este estaba formado por Juan Andrés Fernández Castro, en calidade de presidente; Rosalía Morán, Marcos Calveiro e Armando Requeixo como vogais e Marta Neira como secretaria. O xurado destacou en Odio «a solidez na construción dun thriller futurista de acción trepidante». Foi concibida, apuntan dende a organización do premio, como «novela negra distópica» narrando unha historia que «convida a lerse como unha parábola crítica da insolidariedade social».