Isolda Santiago Trillo, xornalista e escritora de Lalín: «O libro é froito da escoita de voces de xente movéndose»
DEZA

Sempre escribiu poesía, e ségueo facendo, pero no medio xorde este ensaio xornalístico, como lle gusta chamarlle
04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A xornalista e escritora Isolda Santiago Trillo presentou este xoves no Casino de Lalín o seu libro «Oigo Voces. Relatos de la cruda realidad», a súa primeira publicación en prosa. A presentación do acto foi tarefa de Celso Fernández Sanmartín, e contou coa presenza dun nutrido grupo de amigos e público en xeral. A autora desta publicación, que viviu e traballou en Barcelona nos últimos 19 anos, acaba de volver á súa casa de Lalín mantendo a ilusión e intención de seguir escribindo.
—Como xorde este libro?
—Por envexa (ri). É un libro que naceu pola envexa de ver aos que ían traballar, que estaban sans e felices, mentres eu estaba enferma naquel momento. Nada grave, por certo, pero non estaba ben e non sabía que facer. Tiven moita sorte ao contar cun traballo que me gustaba e pensei, que fago agora? Comecei pois a moverme polo barrio e a escoitar o que lle pasaba á xente, que tamén sofre e lle doen moitas cousas, e a introducirme en conversas alleas. O libro naceu diso. É froito da escoita de voces de xente en movemento, que fala do que lle pasa e empecei a chamarlle a isto ensaio xornalístico. Saíume a espiral xornalística que tiña perdida, e da que quedara moi farta (ri). Que conste que isto non me converte nin en xornalista nin en escritora só en recreadora de contidos, dunha publicación que non pasou por ningún filtro.
—A escoita das vivencias fixo caer o pano da aparente felicidade dos transeúntes?
—Estamos falando de que é igual unha gran cidade, un pobo... O día a día reflicte situacións e comportamentos que poden aparentar felicidade que non o é. Hai situacións tensas, dramáticas e tamén divertidas que se poden ler no libro. Son 31 voces de xente corrente recollidas en 131 páxinas.
—Estamos afeitos a ler a súa poesía, pero cambia o xénero e chega a primeira publicación narrativa en lingua castelá.
—Certo. Teño moita poesía escrita, non tanta publicada e estou cun proxecto de novela que poderá saír ou non (ri), acabo de publicar un libro de poesía e, agora que estou xubilada, sigo escribindo poesía. É o eido no que me sinto máis cómoda e segura.
—Co paso dos anos aprecia un maior interese polo xénero?
—Creo que a xente sigue sendo moi reticente a ler poesía, pero cada vez se escribe máis. A xente métese na cabeza que é elitista, e non o é. O problema é que non se ensina a ninguén a lela, non hai un achegamento á poesía na escola ou desde as familias. Atopamos literatura para todas as idades, en todos lados, pero iso non pasa coa poesía.