Un Lalín de cine con entrada de balde para gozar do audiovisual en lingua galega

La Voz

DEZA

Son sete proxeccións do Salón Teatro durante sete domingos

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Lalín pon en marcha un Lalín de cine, que se desenvolverá ao largo de sete domingos e ofrecerá á cidadanía a posibilidade de ver cine en galego. A entrada é libre ata completar o aforo. A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, explica que «somos coñecedores do interese que esperta na poboación en xeral a posibilidade de ver cine nunha gran pantalla». Lembra que as veces que o Concello puxo en marcha este tipo de iniciativas «funcionaron moi ben» e por es motivo se pon en marcha un novo paquete de proxeccións. Nesta caso será sete as películas que se poderán ver os domingos ás 18.00 horas no Salón teatro do Auditorio de Lalín a partir do 26 de outubro e ata o 7 de decembro.

O programa conta con catro películas para todos os públicos, dirixidas especialmente a un público familiar e tres para un público novo e adultos. O próximo día 26 pasarase a película O amencer dos nuggets, un filme de animación do 2023 que narra as aventuras da galiña Ginger e seus amigos que se enfrontan a novos perigos que ameazan o seu mundo.

Tamén dobrada ao galego se proxectará o 9 de novembro a película inglesa de animación Wallace e Gromit: a vinganza sérvese con plumas, dirixida a maiores de 7 anos. Nela Gromit está preocupado polo feito de que Wallace se volve demasiado dependente dos seus inventos, sobre todo cando inventa un gnomo intelixente que parece ter unha mente propia. Tamén de de animación é a película escollida para o 23 de novembro coa proxección de película española A galiña Turuleca, tamén dobrada ao galego, que conta a historia de Turuleca e o seu talento para cantar. A derradeira película de animación do programa é O monstro mariño, que se poderá ver o 30 de novembro, protagonizada por un monstro, unha nena e un cazador.

O 2 de novembro terá lugar a proxección de As Neves, dirixida por Sonia Méndez. Un drama recomendado para maiores de 12 anos que desenvolve a súa acción en As Neves, unha pequena vila de montaña. O día 16 se poderá ver no Salón Teatro a película de Alejandro Enríquez, Rapa, que fala de Sabucedo, na Estrada, e ese vínculo ancestral dos veciños coas bestas salvaxes que aínda resisten nos montes.

Xoán Fórneas, Cris Iglesias,. Nacho Novo e Xoel Fernández protagonizan Antes de nós, dirixida por Ángeles Huerta, e que se proxectará en Lalín o 7 de decembro. A película xira en torno de Castelao e a súa muller en dous momentos da súa vida. O programa de cine conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura.