Unha «Eira terrorífica» en Figueiroa

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A chama do Samaín prendeu este ano máis forte ca nunca no colexio de Figueiroa. O profesorado adoita convidar ás familias a facer decoracións inspiradas no proxecto anual do centro. Este curso, aproveitando que o 2026 vai ser o Ano Internacional da Agricultora, o CEIP Figueiroa desenvolve un proxecto que leva por título Labregas e que reivindica a figura da muller no campo.

Nesta onda, o Samaín deste ano —que se leva celebrando toda a semana e que culminará mañá xoves cun magosto— ten como eixo temático a agricultura.

Esta é a razón pola que o centro convocou un concurso de confección de espantallos, un elemento característico do agro galego que ás veces pode ter un punto sinistro ou incluso arrepiante.

A resposta das familias foi abraiante. O resultado foi a conversión do xardín do colexio nunha «Eira terrorífica» chea de ducias de espantallos e de cabazas inspiradas no tema do agro. A eira é digna de ver e, grazas á nova iluminación, pódese gozar incluso de noite.