O teatro escolar e (con) Don Olimpio

David Otero

DEZA

22 nov 2025 . Actualizado a las 01:32 h.

Dicir que o Teatro neste pobo, dentro dun ecosistema cultural global regular, sempre tivo presenza destacada. Non é este o momento no que facer a historia del, pois o contido teatral estradense éo importante, de maior fondura e xa que logo, o telo en conta, é merecente dunha tarefa máis explícita, pero si queremos significar unha parte fundamental dese teatro. Trátase do Teatro Escolar (sen dúbida tamén Teatro de Base, el moi, pero que el moi, participativo e firme no ilusionante).Este Teatro é un facer interdisciplinar (no educativo escolar maioritariamente) que constrúe camiño de consolidación con presenza como nestas VIII Xornadas de Teatro Escolar (CON DON OLIMPIO ARCA, inmedible teatreiro, creador e estimulador total do Teatro Escolar) e que cada ano puntualmente, por novembro, reivindicando vida, no querer facer esperanzas novas, nos chaman á concorrencia no Teatro Principal.

Nove Centros deste Concello aportan as súas obras para así termos, martes vintecinco e mércores vinteseis , dous días de teatro que se abrace e comunique ao público que concorra, sexa ben alumnado, mestras e mestres, profesoras e profesores, activistas mediadores, nais, pais, avoas e avós, ou ben simplemente amigas e amigos e porque non, quizabes, calquera que pase polo Principal e queira entrar (que abofé pode).

Velaí como engordiño, sen pausa, o noso Teatro Escolar colle camiño cualitativo (causa importante e necesaria, a calidade) e asemade unha progresión de crear contidos (obra) que aportan solideza no contexto normalizador da Lingua Galega e da Cultura.

Velaí que notaremos ben os procesos de traballo e os camiños de liberdade cara eses ditos horizontes de normalización. E valorarémolos con ilusión, pois unha vela acendida que ninguén atende, vaise. Vaise no silencio o una indiferencia. A nosa vela luz, nestas datas con Don Olimpio, con todas e todos nós, ha brillar e alumar, atendida primorosamente na intensidade do amor polo Teatro en galego e co orgullo dun traballo ilusionante, querido, mellorado, disfroitando desa a marabilla do noso Teatro na Estrada, para así mantelo vivo, participativo e educativo, na Lingua Galega. Tamén notaremos o progreso dos grupos dos que todas e todos os Centros dan boa mostra, ano a ano por novembro, e van oito en camiño do infinito.

Estas datas de Teatro con Don Olimpio , con todas e todos, dirémolas datas redondas, si, datas cheas de vós e nós, abondosas de forza e ilusión, e convocadas pola AC VAGALUMES, para que as gocemos no doce almibre do facer marabilloso Teatro do noso alumnado estradense. Elas e les son unha fronte de vida e de cultura chea de motivos e desexos arroutados. Desde agora e xa, a por outro ano máis, o nove, con DON OLIMPIO.