O PIE da AED encara a recta final da selección, con menos de 20 prazas das 100 por cubrir
DEZA
Neste oitavo programa resalta especialmente a formación nas necesidades reais que presentan as empresas da contorna
11 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación de Empresarios do Deza (AED) está ultimando a selección dos futuros participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE), que lle concedeu a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que comezará cos itinerarios formativos xusto despois da festividade de Reis.
O programa, que é o oitavo para a AED, e no que se formarán cen persoas con diferentes perfís ten case todas as prazas cubertas, avanza o responsable do mesmo Daniel Fuentes. «Estamos coas últimas vinte prazas, pero xa temos xente citadas e algunha reserva feita, polo que contamos pechar o proceso antes de Noiteboa e iniciar as sesións individuais e formacións despois dos festivos de xaneiro».
Nesta edición do Programa Integrado de Emprego resalta o tipo de accións que se levarán a cabo, especialmente no eido formativo, enfocado cada vez máis ás necesidades reais das empresas da contorna. «As actividades grupais e individuais serán para traballar en sectores estratéxicos, formacións con niveis altos de inserción laboral, e o catálogo que deseñamos este ano ten como obxectivo dar resposta as necesidades da zona», explica Fuentes. Un catálogo elaborado no seo da patronal, froito do traballo de prospección levado a cabo en colaboración con dúas empresas referentes na comarca: Inasus e Metaldeza.
Un novo PIE cun obxectivo moi claro: lograr a inserción laboral do maior número de persoas posible, con cifras que avalan meritorias edicións anteriores. «Queremos seguir na liña dos últimos 7 anos en que sempre conseguimos o obxectivo de inserción laboral. O ano pasado pechamos co 66 %, pero queremos volver ao resultado do ano 22/23 que fomos a entidade de Galicia con maior número de insercións cun 72 %. O obxectivo mínimo que nos marcan, que é do 45 %, sempre o superamos», lembra o responsable do programa na AED.
Pero, que están solicitando agora mesmo os empresarios asociados á patronal? Aqueles que dean resposta ás necesidades que teñen, formacións e accións útiles e persoal que poña en práctica o que aprenderon na aula, contextualiza Fuentes. Con esa solicitude e folla de ruta arrancarán as ensinanzas nos primeiros días do ano 2026, e cunha idea moi clara que lle farán chegar ao alumnado: non perdelo tempo. «Non queremos entreter á xente un ano con formacións que non lle sexan de utilidade. Queremos aportarlle algo útil. Impartiremos dous itinerarios formativos en colaboración con Inasus e Metaldeza para formar a profesionais en delineación e oficina técnica, que son perfís complexos de atopar agora mesmo, e tamén en producción e loxística», avanza Daniel Fuentes.
Un programa para o que resta un pequeno cupo de prazas aínda vacantes, e cun prazo a punto de rematar, «polo que se algunha persoa está interesada no mesmo pode contactar con nós, e que lembren todos que este ano poden incorporarse independentemente do seu perfil».