O Sol da estrada da Vida

Xosé Luna

DEZA

30 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A guerra, ao dicir de Paul Valéry, é unha masacre entre xentes que non se coñecen, para proveito de xentes que si se coñecen pero que non se masacran.

Nai que chora,/ triste guerra,/ noite escura,/ Sol que arrefría./ Nai que chora,/ fusca travesía,/ medo mouro,/ parda agonía./ Nai que chora,/ cruel miseria,/ soños crebados,/ lúa negra./ Nai que chora,/ bágoas molladas,/ cicatrices eternas,/ vidas roubadas./

Entre as nubes do ceo de xaneiro, cos beizos fríos do serán, bica o Sol da estrada da vida, o Sol da paz. O sol que alumea (que alumea) sempre para amar. E das escolas chegan cantigas, empurradas polo vento, enchoupadas pola brisa.

Baixo o Sol que alumea en todos os recunchos do Uni(verso) do mesmo xeito, uns raios nos chegan a alma e outros ao pensamento. Baixo o Sol que brilla na estrada da Vida resoa ao unísono un esperanzador cantar, nace no abrente, brilla ao solpor, póusase engordiño no noso corazón.

O sol quenta alá arriba no Ceo/ e nas cicatrices da xente/de todos aqueles inocentes/que sofren, padecen e senten/. O Sol quenta alá arriba no Ceo/ e nos corazóns dos

pereiriños/que vogan por entre mil mares/de dornas, cons e millo./ O Sol quenta alá arriba no Ceo/ e nunca xamais nos queimou/ porque o seu maior segredo/ e que quenta con Amor.

Reclamamos, demandamos, esiximos, precisamos... Un mundo en paz! Velaí a nosa presenza, o noso sentimento, o noso brado mainiño.

Guerra de flores

Guerra de flores/ Batalla de soñadores/ Balas de cartón/ Cañóns de turrón/ Fusís de

chocolate/ Sangue de tomate/ Vida de cores/ Soles de amores/. Repetimos por se non se

decataron, Guerra de flores/ Batalla de soñadores/ Balas de cartón/ Cañóns de turrón/ Fusís de chocolate/ Sangue de tomate/ Vida de cores/ Soles de amores/ Vida de cores/ Soles de amores/ Vida de cores/ Soles de amores.

Dáme unha aperta que eu che darei, unha estrela do ceo e o meu querer! Deámonos unha fraternal aperta pola paz mundial!

Conmemoración do Día da Paz