Non a ides borrar

A. C. O Naranxo

DEZA

Volvérona danar. Esta semana. Despois da nosa última nota de prensa. Despois de que dixemos publicamente que non nos ían calar. Volvérono facer. E volvemos a dicir: Non a ides borrar.

Hai anos pintamos unha bandeira palestina no noso pobo. Fixémolo publicamente. Fixémolo dando a cara. Fixémolo acompañándoa dun acto de denuncia da ocupación e de solidariedade co pobo palestino. Nunca agochamos o que pensamos. Nunca o fixemos ás agachadas. E nunca tivemos medo de dicilo.

Quen leva meses borrando a bandeira, en cambio, escolle a noite. Escolle o anonimato. Escolle a pintura para tentar facer desaparecer aquilo que non quere ver. Pero equivocáronse. Porque cada vez que a borran, nós volvémola pintar. Cada vez que intentan facela desaparecer, facemos máis ruído. Cada vez que intentan impoñer o silencio, volvemos falar.

Non estades borrando unha bandeira. Estades demostrando por que é necesario que estea aí. E que ninguén se confunda: Isto non é un debate. Quen queira discrepar, que discrepe. Quen queira criticar, que critique. Quen queira expresar unha opinión diferente, que a exprese. Pero borrar, esborranchar e cometer actos vandálicos non é argumentar, senón tentar calar.

E nós non imos calar. Non nos ides cansar. Non nos ides intimidar. Non nos ides facer desaparecer.

Podédela volver borrar. Nós volverémola pintar. Podedes facelo unha vez, dúas, catro, dez... As que faga falla, nós tamén volveremos, porque a bandeira palestina non está aí por casualidade. Está aí porque hai persoas que non queren mirar para outro lado ante a inxustiza. Está aí porque a solidariedade non depende de que alguén a considere incómoda. Está aí porque o silencio non é a nosa opción.

Así que pintaremos de novo e, cando estea pintada, volverá ser visible; e cando volva ser visible, volverá molestar a quen queira que desapareza. E se a volven borrar... Volvérmola pintar!. Porque unha man pode borrar pintura, pero non pode borrar a solidariedade. Unha noite pode ocultar un acto de vandalismo, pero non pode ocultar unha causa. E unhas manchas sobre unha bandeira non van decidir por nós que merece ser lembrado, denunciado ou defendido. Non nos ides calar. Non a ides borrar. Palestina libre, agora e sempre!.