Invernía preséntase ao público en A Estrada

amelia ferreiroa

A ESTRADA

cedida

As entradas para a presentación do grupo poden retirarse no Concello de A Estrada, taberna de Ouzande e no teatro o día do concerto

29 may 2019 . Actualizado a las 22:28 h.

A banda de gaitas Invernía, con máis dunha trintena de músicos galegos nas súas filas, e da que forman parte estradenses do grupo ouzandés Retrouso, levará a cabo este domingo o seu concerto de presentación no Teatro Principal de A Estrada ás 20 horas nun espectáculo no que interpretará o mesmo repertorio que o que levará a Francia; ao Festival Intercéltico de Lorient no vindeiro agosto.

Esta banda, cuxo proxecto musical naceu no ano 2018, foi fundada a medio camiño entre Compostela, Dumbría, Vedra e A Estrada contando con compoñentes de todas as idades e co gallo de poñer en común o traballo das escolas de música tradicional destes lugares.

Invernía está conformada pola fusión de catro agrupacións co que se creou un conxunto heteroxéneo e colorido, enfocado á interpretación dun repertorio máis seleccionado e fresco, e na súa dirección están os mestres Ramón Maril, Marcos Varela e Noelia Bouzón.

Ademais da banda de gaitas, Invernía conta tamén co seu propio grupo de pandereteiras; Folerpas de Invernía, conformada polas propias percusionistas e gaiteiras deste proxecto.

É salientable o feito de que o grupo estradense Retrouso achega dez dos seus integrantes a este proxecto e que o nome de Invernía foi escollido para o grupo pola súa musicalidade, o seu carácter galego; moi do país, ao igual que a gaita é un elemento moi representativo da nosa cultura. Para máis engado tamén é o título dunha peza interpretada polo grupo Milladoiro, polo que tamén supón «unha pequena homenaxe a este e a todos os colectivos que levan anos mantendo viva a nosa tradición».

A banda de gaitas coida os detalles e conta cunha identidade gráfica, obra de Rosa de Cabanas, inspirada no nome da formación e nas súas evocacións e a pesares da súa curta vida artística participou en foliadas e seráns, foi grupo convidado na presentación do disco FA de Susana Seivane e o 17 de maio presentouse en Compostela.