Un campamento musical de dez en Vilatuxe

amelia ferreiroa

A ESTRADA

MIGUEL SOUTO

19 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O sexto Campamento Musical de Vilatuxe (Lalín), que comezará o próximo 2 de xullo, volve a bater marca de anotados con 114 chavales, que tomarán parte nas clases e nas actividades de lecer, e 23 en lista de reserva; fronte aos 102 matriculados do pasado ano. Os organizadores puideron ampliar o cupo despois de engadir un par de mesas no comedor, onde os pequenos farán as comidas.

O éxito un ano máis desta iniciativa hai que buscala, según o director da Banda de Música de Vilatuxe Víctor Vilariño, «en que coidamos ben os rapaces (risas) e traemos profesores novos todos os anos para as clases e para as masterclass».

Ata vintecinco profesionais se farán cargo no vindeiro mes de impartir as ensinanzas dos distintos instrumentos a alumnos procedentes da escola de Vilatuxe pero doutros centros da contorna como Lalín, Silleda, A Estrada, Muimenta ou Cerdedo «pero tamén virán rapaces do Conservatorio de Santiago, de A Coruña e de Pontevedra». Un campamento que conxuga estudo con convivencia e socialización. Despois das clases os chavales xantar no comedor, cuxa comida e supervisión corre a cargo da directiva da formación bandística, e pola tarde «facemos deporte, xogos e se o tempo acompaña os chavales piden ir ao río».

Por outra banda a Banda de Música de Vilatuxe realizará contra finais de xullo unha viaxe a Andorra, onde ten previsto ofrecer algún concerto en Escaldes e aproveitar para coñecer Barcelona.