Mar Blanco: «O noso compromiso é unicamente cos veciños»

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Tras acadar no 2019 dous edís, Blanco quere que Móvete siga medrando, e para conseguilo aposta por aumentar o benestar social

20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Mar Blanco Casais (A Estrada, 1975) preséntase por terceira vez á alcaldía da Estrada coma líder do Movemento Veciñal Estradense (Móvete). Licenciada en Ciencias Políticas e Máster en Xestión Pública, nos anteriores comicios obtivo dous edís, sendo a súa marca a bater.

—Como valora a situación política?

—A Estrada está atascada tras 3 maiorías do PP. A política de López desatende os problemas reais da veciñanza. A ausencia de políticas orientadas a crear e mellorar servizos ao igual que a falta de iniciativas para revitalizar o sector económico provocan cada ano perda poboación, e xa estamos a piques de baixar dos 20.000 habitantes. López semella resignado a que a Estrada baixe de categoría e é incapaz de poñer en marcha políticas orientadas a fixar poboación, máis alá dunha campaña ridícula 3 meses antes das eleccións. En 12 anos no goberno non levou a cabo a ampliación de chan industrial público, non se avanzou en servizos no rural e tampouco mostra interese en aproveitar a boa ubicación no centro de Galicia para atraer xente a vivir aquí. O que sí, é que o alcalde é un dos que máis cobra de Galicia mentres os estradenses temos a renda per cápita inferior á media galega.

—Que destacaría do mandato e da aportación do Móvete dende a oposición?

—Móvete ten a capacidade de poñer na axenda política cuestións importantes para a veciñanza como a creación de servizos orientados para as persoas maiores, a necesidade de conectar o rural e vila cun modelo de transporte público a demanda, conectar a Estrada coa área sanitaria de Santiago, a posta en valor da produción local e a dinamización do comercio, a defensa do noso patrimonio. Tamén recollemos sinaturas para dotar o rural de conexión a internet. Todas elas son problemáticas reais nas que Móvete traballou durante dúas lexislaturas para dar solucións. Mentres López desaproveitou o mandato para avanzar nestas cuestións.

—Cal é o obxectivo de Móvete nestes comicios?

—Nos anteriores dobramos a representación, entrando como concelleiro Iván Sanmartín, e quedamos a piques de acadar a terceira concellaría. O obxectivo e seguir medrando en apoios para acadar un concello máis prospero con máis oportunidades, máis xusto e con maior benestar social.

—Ve factible evitar a cuarta maioría absoluta do PP?

—Móvete leva oito anos traballado para crear unha alternativa de goberno ao PP, dando visibilidade e respostas aos problemas reais dos veciños, agora é o momento de que os veciños tomen a palabra e neles confiamos.

—Cre que poden mellorar os seus resultados do 2019?

—Si, cada vez máis estradenses confían en Móvete. Traballamos arreo a carón dos veciños para representar os seus dereitos como cidadáns. Nós non nos debemos a estruturas partidistas, o noso compromiso é unicamente cos veciños. Ademais, é importante que a Estrada pase a estar gobernada por unha muller.

—Cales son as propostas principais da súa formación?

—Queremos traballar por unha economía revitalizada e sostible e avanzar en servizos no rural. Tamén comprometémonos a incrementar o benestar social, combater o feísmo e fomentar os alugueres de baixos comerciais pechados.

—Escolla os seus proxectos estrela.

—Traballaremos para ter unha economía revitalizada e sostible, atendendo ao sector industrial, ao rural e ao comercio. Impulsaremos un crecemento económico inclusivo para crear empregos decentes e mellorar os estándares de vida. Traballaremos na prestación de servizos sociais de maneira activa. Reforzaremos á axuda no fogar, crearemos unha residencia municipal e Centro Interxeracional para beneficiarnos de xeito colectivo e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e combateremos a soidade non desexada.