Sabucedo, en pé de guerra contra a nova embestida eólica

Asociación Rapa das Bestas

A ESTRADA

MIGUEL SOUTO

Programan unha marcha reivindicativa de Sabucedo a O Peón para o 8 de xuño

30 may 2024 . Actualizado a las 17:40 h.

Somos unha aldea de aloitadores e aloitadoras. Dende hai moitos anos Sabucedo mostra ao mundo como vivir e sobrevivir no rural en connivencia coas bestas. Un mundo no que o proceso de globalización difumina estas relacións entre persoas e animais e que provoca o éxodo da xente do rural para as cidades e ó exterior, sempre se veu compensado para nós como aldea, grazas a que a nósa tradición nos mantiña máis apegados á terra.

Foron moitos os procesos que dificultaron a continuidade da Rapa das Bestas, plantacións forestais, proliferación do lobo, roubos constantes das bestas por parte dos cuatreiros, unha Guerra Civil, unha pandemia,...Sempre soubemos que as dificultades e problemas que se interpoñerían no mantemento do noso proceso cultural serían numerosas, pero tamén temos claro que estas mesmas trabas son as que nos fan máis fortes como grupo.

Despois de varios anos loitando contra a masiva proliferación de parques eólicos na nosa zona e tras levar unha pequena alegría (sabemos que de ningunha maneira definitiva pois trátase de paralizacións cautelares) polas resolucións do Tribunal Superior de Galicia, agora tócanos enfrontarnos aos parques de tramitación estatal, moito máis grandes e máis voraces se cabe. Acóllense a un procedemento express, sen garantías para as comunidades afectadas e sin posibilidade de contar con información rigorosa dos proxectos que permita unhas mínimas alegacións, o que provoca unha sonora e inxusta indefensión.

Consideramos que os argumentos para someter os proxectos de carácter estatal á avaliación ambiental ordinaria aumentan tendo en conta que, xusto nos mesmos montes que se plantexan, o TSXG decretou a paralización cautelar por posible dano ambiental dos parques Campo das Rosas, Touriñan III-2 e Porto Vidros. Pola mesma, reclamamos ao MITECO que estes proxectos sexan sometidos ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria conforme ao previsto na Lei 21/2013, do 9 de decembro.

XUBRINTAS e ALAMACEIROS, de 15 e 18 aeroxeradores respectivamente, suman máis de 130 Mw de potencia. A isto habería que sumar varias subestacións eléctricas destinadas á evacuación da enerxía, con quilómetros de viales e liñas de alta tensión. Estas infraestructuras destrozarán o sistema de vida das bestas que acuden todos os anos á Rapa das Bestas de Sabucedo, recorrendo o monte dende a nosa aldea ata o concello de de Campo Lameiro (capital da arte rupestre), co que todo o seu hábitat será arrasado de esquina a esquina. Non só as bestas sufrirán as consecuencias, pois neste monte convive todo un complexo ecosistema de espécies absolutamente interrelacionadas co territorio.

Para máis inri, 4 dos aeroxeradores do parque Xubrintas, están proxectados dentro do peche do Castelo, lugar de traballo da Asociación da Rapa, onde se someten ás bestas a coidados veterinarios así como a procesos de control e suplementación alimentaria nos longos invernos. Ademáis, este recinto está certificado como Centro de Acollida de Equinos pola Xunta de Galicia. Dende este mesmo peche, parten as bestas cada Sábado da Rapa, sendo un dos lugares máis fotografados da nosa festa e dende este mesmo lugar parten cada luns da Rapa para os seus territorios onde pasan todo o ano en liberdade.

Ao anterior, hai que sumar a cercanía ás casas e polo tanto problemas de saúde pública. Algún dos aeroxeradores proxectados atópase a menos de 1000 metros das vivendas e por non falar de que paixasísticamente é unha aberración, incompatible cos proxectos de turismo rural guiado para a observación das bestas e outras espécies da zona e polo tanto a eliminación dalgúns postos de traballo vinvulados ao turismo.

Todos estes proxectos están promovidos polo grupo empresarial ATITLÁN HELIOS a través das subempresas DAKOTARAPTOR INVEST S.L , FUKUIRAPTOR INVEST S.L e GALVEOSAURUS INVEST S.L, en colaboración con DRIZA- INCOSA. Curiosos nomes o destas empresas, pois despréndense dos mesmos, a voracidade e depredación coa que están dispostas a levar a cabo os procesos de transición enerxética. Apenas contan con 3000€ de capital social, polo qeu non teñen pensado facer fronte a ningunha incidencia futura e esto é así porque nunca van construir ningún parque, simplemente fan o proxecto e véndeno ao mellor postor. Esto chámase especulación pura e dura. Falamos de fondos de inversión que para nada están interesados polo ben común dos pobos e a súas tradicións e formas de vivir. Zonas que deberían ser Rede Natura e que van pasar a ser polígonos industriais, sen empresas e sin traballadores, si, sen traballadores. Só aeroxeradores, subestacións, viais descomunáis, liñas de alta tensión. Absolutamente demencial....

E para manifestar a nosa unión e loita contra estes macroparques, as empresas que os proxectan e as administracións que permiten que se leven a cabo sen o máis mínimo control medioambiental e de protección patrimonial e cultural, CONVOCAMOS A UNHA MARCHA DENDE SABUCEDO ATA O PEÓN O SÁBADO 8 DE XUÑO.

A saída terá lugar ás 9.30 da mañá dende o Teleclube de Sabucedo. A duración será de 4 horas ida e volta e de dificultade baixa. Convocan: Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo.