A Estrada defende a identidade galega cunha xornada chea de música e baile
A ESTRADA

Tequexetédere e o Regueiriño de Lamas encargaranse do tradicional pregón
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que hoxe é o Día das Letras Galegas, o 17 de maio leva tempo festexándose na Estrada. Unha extensa programación cultural para poñer en valor o noso idioma e cultura propia na que este ano a música ten un especial protagonismo co recoñecemento ás cantareiras. Este sábado terá lugar ás 12.00 horas o tradicional pregón ao pé do monolito dedicado a Marcial Valladares na alameda. Este correrá a cargo dos integrantes do Regueiriño de Lamas e Tequexetéldere.
Deseguido será o momento da ofrenda floral e a actuación da Banda de Gaitas de Barbude. Á noite, Tequexetéldere volverá ao escenario, esta vez como grupo anfitrión do Festival Folclórico do Salmón (Teatro Principal, 19.00 horas) xunto á agrupación Caramancho, de Badaxoz.
Finalmente, Treixadura ofrecerá un concerto na Praza do Concello ás 22.00 horas. Un escenario no que actuou onte Roi Casal, quen puxo o colofón a un primeiro día de actividades coa estrea do seu espectáculo Ambos mundos. Pola tarde celebrouse na Casa das Letras un espectáculo de contacontos Viaxes e cancións dos ratos de Lonxedetodo.
Conmemoración no ensino
Os centros de ensino do municipio celebraron o venres por todo o alto o Día das Letras Galegas. Diferentes actividades nas que a música e a literatura foron da man, como por exemplo no CPR Plurilingüe Nuestra Señora de Lourdes, na que participou o fundador do colexio, Enrique Otero, quen foi amigo de Dorothé Schubarth.
Así, contou ao alumnado algunha das anécdotas vividas ao carón da súa amiga, coa que tivo a sorte de seguir moi de preto tanto a súa investigación como a elaboración do Cancioneiro Popular Galego.
Os estradenses na Habana renderon homenaxe a Avelina Valladares
Ao outro lado do Atlántico, na illa de Cuba, os membros da Sociedad Hijos del Ayuntamiento de A Estrada en La Habana celebraron o Día das Letras Galegas o pasado mércores cunha xornada dedicada a Avelina Valladares. A cita tivo lugar na biblioteca Manuel Fraga do Gran Teatro Alicia Alonso da capital cubana.
A escritora estradense foi a escollida neste encontro da galeguidade na diáspora, seguindo os pasos do Concello da Estrada na conmemoración do Ano Cultural Avelina Valladares aproveitando o bicentenario do seu nacemento. A actividade contou coa colaboración da bibliotecaria Mayara Pérez López, encadrada no marco dos festexos das Letras Galegas na Habana.
O peso dos estradenses na emigración galega á illa motiva que dentro dos actos haxa un dedicado ás «Letras Estradenses» a cargo de Hijos de A Estrada. O presidente da sociedade, Adriano Calvo Alfonso, foi o encargado de conducir un evento no que se proxectaron audiovisuais sobre as cantareiras homenaxeadas e outros para dar a coñecer a vida e obra de Avelina Valladares, incluída unha visita virtual pola súa casa natal na parroquia de Berres.
De feito, participou o profesor Carlos Loureiro vía telefónica para falar da poeta, así coma o directivo da sociedade, Manuel Barros, que non puido estar presente.
Para rematar, destacaron unha frase de Waldo Álvarez Insua, fundador de El Eco de Galicia e promotor do Centro Gallego da capital, sobre Valladares: «Fue mujer del temple de Concepción Arenal, el genio de Rosalía de Castro y la intuición de Emilia Pardo Bazán».
Máis de 15.000 euros para dinamizar a lingua
A Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de máis de 150.00 euros para que 41 concellos da provincia realicen actividades de dinamización da lingua galega, cinco concellos de Deza-Tabeirós recibiron algo máis de 15.000 euros. Así, A Estrada percibirá 8.867 para os seus premios literarios; Lalín 1.943 para Ronsel Lalín; Silleda 498 para o programa Anduriña, Vila de Cruces 1.179 para o fomento na hostalería e comercio; e Cerdedo recibiu 3.086 euros.