A Estrada festexa a identidade galega

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel Souto

Unha xornada de música e baile para por en valor a nosa cultura e a nosa lingua

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada festexou onte as Letras Galegas cunha xornada chea de música e baile para defender a identidade galega e por en valor a nosa cultura e a nosa lingua . Os actos empezaron ás 12.00 horas coa lectura do pregón que este ano correu a cargo das cantareiras do Regueiriño de Lamas e de Texequetéldere. Este tivo lugar ao pé do monolito dedicado a Manuel Valladades na alameda estradense, onde, como dita a tradición tivo lugar unha ofrenda floral. Houbo tamén algunha actuación musical ante o monolito, entre elas a da Banda de Barbude, nun acto que contou coa asistencia de representantes municipais, entre eles, o alcalde. Gonzalo Louzao.

Pola noite estaba previsto que Tequexetéldere volvera ao escenario, esta vez como grupo anfitrión do Festival Folclórico do Salmón, que tivo lugar no Teatro Principal, xunto ao grupo Caramancho (Badaxoz). A festa continuaría pola noite cun concerto de Treixadura na Praza do Concello, ás 22.00 horas.

Os centros educativos sumáronse tamén estes días a celebración das Letras Galegas. O venres o CEIP Manuel Villar Paramá o fixo cun festival que contou coa participación dos rapaces de todas as idades, desde Infantil ata sexto de Primaria con actuacións que, apuntan desde o centro, «homenaxearon a oralidade, a música e a historia do noso pobo». No salón de actos soaron temas como Pousa, pousa, cancións como Terra das Tanxugueiras e creacións propias como O son de vea. Houbo tamén a representación da obra de teatro Tesouros dos Dinosaurios. A celebración pechouse cunha emotiva actuación interxeracional, a de Os sons da miña casa, que uniu arredor do son das pandeiretas, e encheu o escenario de emoción, recoñecemento e orgullo colectivo, contan desde o colexio.

O festival contou coa colaboración das familias, o profesorado e a asociación cultural de Couso. Como lembranza do día entregáronse chaveiros en forma de pandeireta impresos en 3D.

En Cerdedo-Cotobade tivo lugar un homenaxe ás Cantareiras de Barro de Arén. O acto tivo lugar no centro cultural de Cerdedo e estivo conducido por Rubén Troitiño. Tivo lugar a noite do venres. Empezaba ás 20.00 horas cunhas verbas de benvida do alcalde, Jorge Cubela, para logo proxectar un vídeo sobre as Cantareiras de Barro de Arén.

O Concello de Cerdedo-Cotobade fixo entrega dun ramo de flores ás familias destas mulleres que durante moitos anos mantiveron vida a chama das cantigas populares galegas en toda a contorna. No acto tocaron Os Trazantes de Tenorio, Os Afouces do Canon de Pau, Os Abrentes de Cerdedo, as pandereteiras de Quireza e o grupo Foula.