A Estrada celebrará o mércores a Festa das Palabras

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

R. G.

24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada celebrará o vindeiro mércores, día 28, a Festa das Palabras, un evento que lle poñerá o ramo á décimo segunda edición do concurso de micropoemas e microrrelatos organizado por Dinamizaestrada, o colectivo que integra a todos os equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino do concello.

A festa terá lugar ás 20.00 horas no teatro Principal e será un recoñecemento público aos 62 gañadores do concurso de escrita en galego: un por cada categoría e por cada centro. A madriña literaria desta nova xeración de pequenos creadores é a escritora Susana Sanchez Aríns.

O acto estará presentado por Lara Rey e Íker Recio e amenizado pola agrupación O Regueiriño de Lamas, que interpretará algunhas pezas populares, afondando na homenaxe ás cantareiras e á musica de tradición popular aos que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Cada un dos premiados recibirá como agasallo un exemplar do libro que recolle todas as composicións literarias galardoadas. A obra complétase con 14 ilustracións feitas por nenos do ciclo de educación Infantil.

Na presentación da festa interviñeron onte en nome de Dinamizaestrada María López Álvarez, dinamizadora do IES Manuel García Barros, e Mónica Mato, dinamizadora do IES Avelina Valladares. Mato destacou que a razón de ser deste concurso literario é «favorecer o uso do galego e sumar actitudes e vontades a favor do noso idioma que aínda tanto cómpren». Subliñou, así mesmo, que se trata dunha iniciativa que transcende o ámbito educativo e implica tamén a familias e institucións.