
O víspera do Nadal do ano 1927 inaugúrase na Estrada o primeiro centro telefónico interurbano, do que se vale o alcalde Benito Vigo Munilla para establecer diversos contactos na capital de España e de modo especial coa secretaría do Ministerio da Gobernación. Concertouse deste modo unha audiencia co ministro Severiano Martínez Anido que se había celebrar nos primeiros días de xuño de 1928. Formaron parte da comitiva o propio alcalde e os seus primeiro e segundo tenentes, Vicente J. Refojo Pereiro e Manuel Castedo Veiga, respectivamente. Acompañábaos Alfredo Pérez Viondi, médico militar casado na Estrada con Sarita Pereira Renda, Fillo Adoptivo deste pobo e municipio, que realizou as presentacións pertinentes na capital de España como bo coñecedor que era das antesalas e despachos dos ministerios.
A delegación levaba un doble encargo; manifestar ao ministro Martínez Anido a gratitude da corporación polo seu incondicional apoio á causa estradense, en primeiro lugar. Lembremos que é durante o mandato do alcalde Benito Vigo cando a vila da Estrada cobra definitiva conciencia da súa función como cabeceira de comarca e do seu pulo comercial, industrial e demográfico e se decata tamén de que precisa organizar decontado o espazo urbano daquel pobo que aspira a ser cidade un día. Coido que non sería errado calificar a alcaldía de Benito Vigo como a máis próspera e brillante da nosa historia, o periodo áureo, en fin, do municipalismo estradense.
A experiencia diaria e a propia historia indícannos que os grandes logros, os avances relevantes veñen sempre da man das persoas con talento abondo para aproveitar as circunstancias favorables; tal foi, xunto coa capacidade de traballo e a sabia elección dos seus colaboradores, a virtude máis salientable de Benito Vigo, a clave dos seus éxitos. A biografía política do noso alcalde (1924-1930) corre paralela á dos seus contemporáneos, Miguel Primo de Rivera, (1923-1930) e Severiano Martínez Anido (1925-1930). Aínda hoxe admira a habilidade de Vigo Munilla para procurarse a simpatía, favor e protección daquel que lograra as máis altas cotas de poder -ministro da Gobernación e vicepresidente do Goberno- no gabinete do dictador Primo de Rivera de quen era, ademais, moi achegado amigo. Aos xa citados cómpre engadir a figura sobranceira do arquitecto Juan Argenti Navajas (1893-1971), eficaz colaborador de Benito Vigo. A corporación que presidía este alcalde promoveu, entre outras obras, especialmente viarias, o matadoiro municipal, a praza de abastos, a traída de augas, a rede de sumidoiros e a ponte sobre o Ulla en Sarandón ademais dun plano de urbanismo tan sensato e ben trazado que serviu de fundamento ao actual, recentemente aprobado de forma definitiva. Moito lle debemos os estradenses a Juan Argenti e a Benito Vigo.
Na visita dos comisionados a Madrid había un segundo propósito, comunicar ao ministro Martínez Anido o seu nomeamento como Alcalde Honorario da Estrada e convidalo ao solemne acto da súa posesión nunha data que se fixou para o día 26 de xullo de 1928. Os méritos alegados para o outorgamento de tan alta distinción cifrábanse na decisiva mediación do ministro ferrolán perante as administracións gubernativas relacionadas coa economía e as obras públicas. Cómpre considerar, emporiso, que a conxuntura política do momento favorecía as aspiracións da corporación estradense pois considerábanse prioritarias no Goberno da Nación as inversións en obras públicas e a ampliación e mellora da cativa rede viaria española. Aquela política intervencionista provocou na área estradense efectos inmediatos que se traduciron nunha sensible activación da economía e o comercio e na creación dos numerosos postos de traballo que demandaban as obras emprendidas na vila, a apertura de novas estradas e a construción de pontes. Un periodo de prosperidade e boandanza que os nosos devanceiros quixeron agradecer ao seu valedor.
A comisión de recibimento do ministro estaba constituída polos concellais Vicente Refojo, Antonio Muñiz, Fernández, Manuel Castedo e o secretario municipal. Tamén formaron parte os veciños Jesús Rivas, Julio Pérez Taboada, Andrés Martínez, José Campos Vázquez, Darvin Espada, Abelardo Paseiro e Manuel Durán Esmorís.
Jesús Rivas Carollo, que daquela rexentaba unha droguería na vila, propón a erección dun gran arco triunfal a imitación da ponte sobre o Ulla en Ponte Vea, que se constrúe baixo a dirección de Benigno Porto e Manuel Gestoso, colaborando tamén aquel que, andando o tempo, sería un dos máis reputados escultores de Galicia, Uxío Souto, profesor de debuxo que impartiu docencia na desaparecida Escola de Traballo da Estrada. No cumio do arco central colocouse unha pancarta coa lenda VIVA MARTÍNEZ ANIDO ALCALDE DE LA ESTRADA.
José Docampo Vázquez encargouse da construción dun segundo arco triunfal, de dimensións máis modestas, na confluencia da rúa Riestra (hoxe Calvo Sotelo) e Justo Martínez. Foi aquel o modo con que a milicia civil do Somatén estradense rendía homenaxe ao ilustre visitante: EL SOMATÉN DE LA ESTRADA AL GENERAL MARTÍNEZ ANIDO.
Da decoración da nova praza de abastos, onde se había celebrar o ágape que serviu a Casa Mora de Santiago, encargouse persoalmente o arquitecto que a deseñou, Juan Argenti. Amenizou a espera a banda do Rexemento de Zaragoza, aquel no que estaba destinado precisamente Alfredo Pérez Viondi. Contra as seis da tarde chega a comitiva ministerial, na que figuraban, entre outros, Tomás Mirambell Maristany, presidente da Cámara de Comercio de Vigo; Martín Echegaray, empresario vigués propietario da illa de Toralla; José Barreras Massó, fundador dos asteleiros de Vigo que levan o seu nome; Manuel Sanromán Ceballos e Ramiro Trapote Martínez. Percorren a pé parte da rúa Riestra e Justo Martínez e entran na casa consistorial ao son da Marcha Real. Efectúase de seguido a recepción oficial, na que presentaron os seus respectos ao ministro representantes do clero, entre eles don Nicolás Mato Varela, de grata memoria; tamén do ensino, do comercio e industria, das organizacións agrarias, corporación municipal, xuíces e avogados, médicos e outros estamentos locais e provinciais. De seguido, constituído en sesión plenaria o axuntamento, dáse lectura ao acordo de nombramento e a continuación o ministro toma posesión do seu cargo de Alcalde Honorario da Estrada.