
Está aberto o prazo para apuntarse á sardiñada do día 21
01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Se hai na Estrada, unha celebración festeira que atrae a milleiros de persoas, esas son as de Cereixo que se prolongan durante máis ou menos un mes con diferentes actos e van medrando cada ano. Do 23 de abril ata o 22 de maio, a parroquia foi un bulir ao son das diferentes celebracións marcadas no calendario. O San Xorxe con distintas cerimonias relixiosas, ás que se sumou unha ruta cabalar e as actuacións de grupos musicais locais como a Banda Municipal da Estrada ou Os Lóstregos e as que se engadiron as de orquestras punteiras que levantan paixóns entre os afeccionados como a estrea de Panorama City, filial da Panorama.
Unha actuación, que apunta o alcalde Gonzalo Louzao, e alma máter destas festas da súa parroquia, «fixo que se superaran tódalas marcas destes anos anteriores con máis de mil persoas no xantar popular e cinco mil asistentes no día grande dedicado ao santo». No mes de maio que acaba de rematar, Santa Rita festexouse coa edición máis exitosa, apunta, dos derradeiros anos. Por cuarto ano a parroquia acolleu oito imaxes convidadas de parroquias estradenses e que foron a Virxe de Guadalupe da Grela de Codeseda, o Santo Cristo de San Pedro de Ancorados, a Virxe da Regla do Foxo, a Virxe do Amparo de Berres, Santa Margarita de Callobre, San Lázaro de Barbude, Santo Domingo de Moreira e o San Paio da Estrada.
A festa contou coa participación das bandas de Prado, de Lalín ou a Municipal de Silleda.
As celebracións estiveron tamén moi animadas polo bo tempo, que fixo que tamén nesas datas festivas foran miles os visitantes que se achegaron ata Cereixo.
Pero a festa non para e os veciños xa están a preparar vindeiras citas. A primeira delas será o día 13 deste mes cunha misa solemne que se oficiará na honra de San Antonio.
O día 21, que é sábado, a parroquia estradense celebra o San Xoán cunha sardiñada popular para a que está aberto o prazo para apuntarse e acudir ao ágape.
Os interesados pódense anotar na Taberna no Rejo. Ese día haberá sardiñas asadas e churrasco, nunha festa animada coa música de Os Ke Hai. Non faltará tampouco o tradicional lumeiro para espantar as meigas e festexar aínda que por anticipado que é o día máis longo do ano, o do solsticio de verán.