«Estradensismo», por dentro e por fóra

Gonzalo Louzao

A ESTRADA

14 jun 2025 . Actualizado a las 22:16 h.

Estradensismo. Escoitei esta palabra hai anos. Non a busquen, non aparece recollida no dicionario. Aínda así, calquera veciño da Estrada a entende. O estradensismo síntese e non require definición. Pero se teimamos en procurarlle unha, quizais a que mellor lle acae é “orgullo de ser estradense”. Vimos dunha sucesión de semanas nas que foron moitas as actividades e as convocatorias que permitiron que o estradensismo se evidenciase a pé de rúa. O que máis e o que menos puxo a camiseta da Estrada e luciu ese sentimento tan especial, por dentro e por fóra. É completamente certo que, a medida que medramos, deixamos de ver o mundo con esa combinación de pureza, emoción e ilusión que tiña nos ollos aquel neno que aínda levamos dentro. A mágoa meirande é que, con frecuencia, comezamos a facelo incorporando algún deses prexuízos e complexos que se nos poñen no mirar aos adultos.

Isto pásanos, ás veces, ao observar ese lugar onde nacemos ou onde vivimos, correndo o serio risco de caer no convencemento de que o de fóra sempre é mellor. Se temos sorte, un día abrimos os ollos e caemos na conta do equivocados que estabamos. Quen podía saír, días atrás, a gozar da Festa do Salmón e non sentirse orgulloso de estar na casa? Quen podía non sentir certo grado de fachenda ao comprobar, unha vez máis, durante a Feira da Sidra, como A Estrada é un escaparate de primeiro nivel para un sector con tanto potencial turístico e tanto tirón como o sidreiro? Quen podía non apreciar a calidade e diversidade da oferta cultural a pé de rúa que brindaron eventos como o recén estreado Festival dos Arrieiriños? Eu non podía —nin quería— deixar de experimentar en carnes propias, e tamén percibir nos demais, ese sentir estradensista. Oxalá aflorase máis a miúdo en todos nós. Oxalá deixaramos que se nos notase máis. Ata o fútbol nos trouxo estes días unha lección de orgullo estradense, capaz de calar mesmo naqueles que non teñen interese algún por este deporte. Veciños que nada saben da categoría na que xoga o CD Estradense puideron compartir a ilusión que se xerou pola súa participación na fase de ascenso á Segunda RFEF. Experimentamos todos ese sentimento de pertenza, de comunidade, de orgullo local. Todos a unha, pola Estrada. Esta foi unha gran vitoria, aínda que o ascenso non puidese ser desta volta.

Outro exemplo. Vimos de presentar en Braga unha edición da Rapa das Bestas que arrancará xa en poucos días. Tamén alí puxemos a camiseta da Estrada. Como non facelo? Nun país veciño, tiñamos a oportunidade de facer ondear a nosa bandeira con dous emblemas que son motores para a dinamización turística: Rapa e Camiño da Geira e dos Arrieiros, os dous unidos polo nexo de Sabucedo, pola tradición e pola identidade. Dúas oportunidades á par para presumir de estradenses e invitar, a peregrinos e turistas en xeral, a que veñan coñecer o que nos fai medrar o peito de orgullo.

A min non hai que convencerme de que A Estrada é un municipio do que podemos e debemos presumir. Son o primeiro en defendelo. Non vou repetir que temos de todo e que estamos traballando para que non nos falte de nada. Non vou dicir, tampouco, que tentamos construír unha A Estrada da que ninguén desexe marchar e que se vexa dende fóra como un lugar para quedar. Estas semanas fíxose un investimento en estradensismo, pensando en gran medida nas novas xeracións.

O que si me vou permitir pedirvos é que non agochemos o orgullo de seren estradenses; que vistamos con confianza ese sentimento que nos uniu na rúa estes días. Se o levamos por dentro, deixemos que se nos note por fóra.