A escritora que palillou unha obra con sabor a sal, cheiro a mar e ventos de rebelión mariñeira

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel Souto

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Nerea Pallares (Lugo, 1989) recolleu este venres no teatro Principal da Estrada o premio correspondente ao certame de novela Manuel García Barros 2025 pola obra titulada Punto de araña. Nela entrelázanse o realismo social, a memoria colectiva e elementos mitolóxicos para relatar a rebelión das mulleres dun pobo mariñeiro. A peza está ambientada en Camariñas e aborda temas como a resiliencia, a sororidade, a violencia patriarcal, a precariedade laboral ou a importancia dos coidados.

No acto de entrega o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, subliñou que, como ben dixo o xurado, «Nerea palillou para todos nós unha obra con sabor a sal e co cheiro do mar que, sen dúbida, atrapará a moitos lectores na súa simbólica e sólida rede».

Para Louzao, a obra é «unha reivindicación do poder feminino e do papel da muller na sociedade». «A suma do nome de Nerea á nómina de premiados do García Barros é un canto ao apoderamento feminino no escenario das letras galegas», dixo Louzao antes de lembrar que este ano A Estrada tamén está a saldar a súa débeda coa autora local Avelina Valladares dedicándolle o Ano Cultural 2025.