Con motivo do cumprimento dos 75 anos do pasamento de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao o pasado 7 de xaneiro, o BNG da Estrada propón ó Concello que se homenaxee esta relevante personalidade coa construción dun monumento conmemorativo, entre outras iniciativas. Esta petición débese á importancia da figura de Castelao na historia de Galicia, polo seu pensamento político e polo seu compromiso coa loita dos dereitos do pobo galego.
Ademais de político, Castelao foi médico, escritor, debuxante e un defensor da identidade e nacionalismo galegos, así como dos valores democráticos. Valores que, sosteñen dende o partido, son importantes no momento histórico que se está a vivir.
O rianxeiro, estivo vinculado durante a súa vida coa Estrada, debido ao seu matrimonio coa estradense Virxinia Pereira Renda. É por iso que dende o BNG da localidade consideran un acto de responsabilidade honrar a memoria de Castelao cun proxecto participativo e que manteña presente a súa a herdanza política, cultural e humana.
Para isto, o partido propón nunha moción a realización dun monumento ou escultura conmemorativa da familia Castelao-Pereira, iniciativa que, apuntas, podería contar coa colaboración das institucións públicas como a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Tamén, suxiren que a construción se instale nun espazo destacado no núcleo urbano, de xeito que se visibilice a figura de Castelao, se fomente o turismo cultual no concello, e se dignifique a memoria histórica galega, sinalan. Ademais, destacan que sería interesante a participación cidadá no proceso creativo, contando por exemplo con artistas locais da zona.
Por último, solicitan que no que queda de ano, e ao longo do seguinte ano 2026, o Concello promova proxectos nos que se divulgue, conmemore e visibilice a herdanza de Castelao e a súa vinculación ca Estrada. Isto, a través de actividades que, apuntan, aínda están por concretar.