A día de hoxe, cando os lumes que percorren Ourense ao igual que outros puntos da Península Ibérica, están a deixar máis superficie cuberta de cinzas que sen elas e ata o mais incrédulo co cambio climático estará a cuestionarse as súas teses a non ser que teña motivos económicos ou políticos para negalos. Aproveito estas liñas para dicir o que penso e invitar á reflexión.
Para min a solución está nas frondosas non pirófitas por un lado, porque son as únicas que frean os lumes ou facilitan a súa extinción, amais de minoraren os efectos do cambio climático ao reducir as temperaturas. Esta redución ou contención das mesmas favorecen a creación de solo, o que axuda á retención e almacenaxe de auga. Unha vez matizado o anterior, preguntoume se Europa nos di que temos que vincular o crecemento económico ao cambio climático, se nos estudos forestais se analizan os cortalumes verdes dende hai moitos anos (feitos coa plantación de especies frondosas non pirófitas), se se fala de chantar árbores nas cidades para reducir temperaturas, se se están a facer faixas de defensa de núcleos rurais cortando especies pirolusitas (“ollo non hai obriga a cortar frondosas non pirolusitas”) e se nos almacéns de madeira de Galicia se vende por enriba de 1000 euros o metro cubico destas madeiras de frondosas non pirófitas, da que nunha importante porcentaxe proveñen doutros países. Por que non realizamos políticas para abrir e introducir estas madeiras nos mercados? Se se concienciase a sociedade e se lle facilitara a entrada ao mercado destas especies penso que iría en incremento as plantación delas e estariamos realizando unha prevención contra os lumes e o cambio climático, amais de se xeraren ingresos nas arcas públicas e privadas. Estou case seguro que se vivira a día de hoxe frei Rosendo Salvado estaría a pensar que igual fora mellor traer os koalas de Australia e non aquelas diminutas sementes. E vaia por diante que non son contrario na totalidade ao eucalipto (non dou lido máis dun folio en pantallas e necesito papel, “estou anticuado”), pero si da súa indiscriminada proliferación.
Encanto ao resto da prevención hai que construír infraestruturas para parar os lumes. Non entendo como se a Xunta de Galicia ten a competencia de prevención e extinción de incendios na totalidade do terreo destina todo ou cando menos a maioría dos fondos de prevención aos montes conveniados con ela. E tampouco entendo como temos ou tivemos (non estou ao día das últimas actualizacións da lei) unha lexislación de concentración parcelaria, onde se vincula ou vinculaba a realización dunha parcelaria coa viabilidade económica do terreo, cando é un instrumento básico de planificación e, ao mesmo tempo, a rede de pistas desta serviría para acceder ao monte e como infraestrutura para atallar os incendios.
No que á extinción se refire, valoro a predisposición á hora de intentar evolucionar o servizo de incendios, anque desde o meu punto de vista non sempre é a mais acertada, a introdución de “guetos” no servizo non o fai máis profesional, só dá privilexios a uns poucos e no peor dos casos xera superegos. Penso que temos que mellorar na liquidación dos incendios ou, dito doutra maneira, enfocar a extinción á liquidación, non pode ser que en plena vaga de lumes esteamos malgastando medios en vixiar incendios xa apagados. O servizo debe contar con maquinaria pesada (buldozer) para dedicalos á prevención e á extinción (estes días estamos a pedilos ao exercito), a polivalencia dos postos de traballo para aproveitar os medios, cubrición de todos os postos de traballo, igualdade de condicións entre os membros do operativo e supresión de brigadas municipais.
Anque quedan moitas cousas no tinteiro como xestión de espazos naturais, datas de rozas de estradas, cambios de uso do solo, trabas á xente do campo e moitas outras que tamén afectan á política de incendios. Teño que ir rematando, xa que non teño o periódico en propiedade, e quero facelo tocando dous temas. O primeiro e anque sei que non vale para nada, xa que estas situacións son as ideais para atacarse, debo dicir: “NON A GUERRA POLÍTICA COS INCENDIOS”. O segundo son cuestións vinculadas cos sindicatos: que se gaña poñendo trabas á xubilación do colectivo de incendios cos coeficientes redutores? Parécevos democrático non convocar eleccións sindicais dende a pandemia?
E quero dicirlle á sociedade que cada membro de calquera corpo que traballa estes días contra os lumes entra a apagalos pensando na xente e nos seus patrimonios (seino ben). Mais remato co pensar na xente que morre por esta lacra, as súas familias, polos feridos e polos compañeiros cos que comparto profesión.