Un muro de Berlín na Estrada

juan andrés Fernández A ESTRADA

A ESTRADA

miguel souto

21 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar do claro predominio do cemento sobre a vexetación, a alameda municipal, cos seus 9.350 m2 de superficie, aproximadamente, vén sendo, hoxe en día, o único espazo público que na vila da Estrada acada a consideración de zona verde e arborada.

Pois non está mal!, claro que é un xeitoso parque!, recoñece de entrada calquera veciño. Emporiso, matizará seguidamente que certos días e horas é tan grande a patulea de nenos que corren, enredan, andan en bici e xogan ao balón que inevitablemente acaban tropezando entre si e cos maiores, que non logran pasear tranquilamente ou ensumirse nas súas reflexións. As cifras, sempre frías e imparciais, véñenlle dar a razón a quen así opinan: a cantidade de zona verde que corresponde a cada un dos 9.740 habitantes do casco urbano redúcese a 0´95 m2, mesquiña porción, abofé, moi alonxada dos 10 metros por persoa, como mínimo, que os estándares máis prestixiosos (OMS, UNESCO, entre outros), establecen. Escasa tamén resulta a masa arbórea urbana á que se atribúe o importante labor de limpeza e renovación do aire que respiramos.

Preguntémonos agora por que é importante, acaso vital, a creación de áreas verdes no casco urbano co seu céspede, árbores, bancos, arbustos, carreiros e fontes, conforme ás recomendacións dos especialistas en saúde pública, urbanistas, sociólogos e psicólogos, que conciben as áreas verdes urbanas como eficaz medio de contribuir ao incremento da saúde, benestar da poboación e redución do estrés.

Un espazo verde pode ser refuxio onde os anciáns encontran o sosego que o seu espíritu demanda e o seu corpo precisa e a un tempo estímulo que axuda a conservar e incluso mellorar as súas facultades cognitivas e sensoriais, pensar, ver, oír, arrecender, tocar; sentir, en fin. Os espazos verdes contribúen a aumentar a esperanza de vida, a reforzar os vínculos comunitarios e a mellorar o estado xeral das persoas. Existe un vínculo sutil e invisible entre a exposición a espacios verdes e a mellora da saúde cardiovascular e mental e incluso á redución de certos tipos de cancro.

Os nenos, pola súa parte, precisan, máis que ninguén, sitios onde correr, enredar, saltar, descubrir, agacharse, andar a tombos e conversar cos amigos. Mentres o fan amplían as súas capacidades de atención e concentración, melloran a coordenación, a axilidade, a confianza en si mesmos e -moi importante-, consolidan a súa autonomía. Onde estea un

parque e os amigos que se quite a TV, os videoxogos e os móbiles que os atordan e confunden. Necesitamos con urxencia lugares onde os meniños exerzan de meniños plenamente. «Desculpen as molestias, rapaces xogando», lemos nun dos ocorrentes debuxos de Frato, pseudónimo de Francesco Tonucci, psicopedagogo e debuxante italiano que considera a infancia o periodo máis importante da vida das persoas, aquel no que se establecen as bases da cultura, a personalidade e as habilidades dos futuros homes e mulleres. Habería que escoitar tamén estes pequenos cidadáns á hora de tomar decisións que lles afectan.

Ambiente natural, persoas maiores, nenos: velaquí o triángulo sobre o que gravita a esperanza que moitos estradenses temos posta no proxecto de parque-aparcamento promovido polo anterior alcalde José López. Estaría ubicado entre as rúas San Antonio e Gradín e, ademais de contribuir á conservación da masa arbórea e fauna que nela encontra refuxio, incrementaría en 5.800 m2 , aproximadamente, o espazo verde arborado da nosa vila. Convido ás autoridades municipais, especialmente o alcalde e concelleiro de parques e xardíns, a perseverar no esforzo que todos saberemos agradecer ao tempo que estimamos a xenerosa contribución dos propietarios das parcelas cedidas ao concello estradense conforme ás condicións estipuladas no correspondente convenio. Gracias encarecidas a todos eles, autoridades e propietarios.

Achego, de seguido, aquelas razóns polas que, ao meu xuízo, sería beneficioso para os estradenses, especialmente nenos e maiores, o establecemento dun parque público naquel céntrico lugar.

Preservaríase, en primeiro lugar, a biodiversidade da zona. Entre as especies vexetais encontramos carballos, noceiras, castiñeiros, loureiros, abeleiras, sabugos, diversos arbustos e herbas; todo tipo de paxaros pequenos que aniñan alí e encontran refuxio na fronda arbórea e alimento no chan; aves nocturnas: bufos, mouchos e curuxas; parada e

descanso de aves en tránsito: corvos, pegas, pombos rulas, estorniños… insectos e reptís; mamíferos e micromamíferos: esquíos, ratos, toupas e musarañas convivindo armonicamente cunha pequena colonia de gatos ventureiros. Todo este rico patrimonio natural, que dota dun inmenso valor engadido aquela área, temos o deber de conservalo.

Creo que nesta zona verde debe darse preferencia ás persoas sobre os coches, planificando o seu desenvolvemento conforme a esta consideración. E permítome propoñer que se respete a actual configuración do terreo reducindo as intervencións ao mínimo necesario. Deberían conservarse tamén, na medida do posible e previa consolidación que asegure a súa estabilidade, as estruturas de pedra alí existentes, mudos testemuños do noso pasado urbano. O mesmo podo dicir dos troncos de árbores derrubadas que poderían facer, por exemplo, xeitosos barcos piratas nos xogos dos nenos.

Obteríanse, por último, claros beneficios urbanísticos e paisaxísticos integrando na trama urbana aquela reserva natural e zona verde, ampliando horizontes cara ao norte e comunicando, física e visualmente, as rúas San Antonio e Gradín, para o que sería preciso derrubar este noso particular muro de Berlín que, a modo de pantalla visual e infranqueable barreira, separa ambas rúas.