A peste bíblica de ter un alcalde cacique na Agolada

Carmen Seijas

AGOLADA

13 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai xa cinco anos que temos en Agolada unha peste bíblica que é a de ter un alcalde cacique, mentireiro e sen escrúpulos. Todo lle vale con tal de dominar o seu reino, e ten só tres premisas que o guían no seu mandato, mirar por el, volver a mirar por el, e si lle queda algo de tempo, mira novamente por el mesmo. Mentiu aos veciños dicindo que ía cobrar o que os veciños decidiran, antes de poñerse un señor soldo e de untar tamén a todo o seu equipo.

Mentiu cando dixo que non ía pedir créditos e leva mínimo dous, mentiu cando dixo que ía ter asembleas para que os veciños opinaran, e cambiounas por ameazas a aqueles que non din o que el quere, e en definitiva, minte mais que fala, e non fala pouco. Pero o último xa é de traca, usa medios públicos como un Bando para atacar á oposición, algo que cando menos é denunciable, pero a el dálle igual, o camiño dos xulgados sabeo perfectamente, non se perde nin cos ollos pechados. Agora si, que un señor procesado por delitos de corrupción por pechar unha empresa do pobo, e prexudicala a ela e aos seus traballadores, ou un señor que perde día tras día xuízos por impagos, ou que un señor que tivo ata que pedir desculpas públicas a un ex-traballador do Concello por difamalo e insultalo, nos acuse de non dar unha boa información, é cando menos curioso, por non dicir algo propio de que non ten conciencia.

Nós nunca dixemos nada que non estivera reflexado na documentación oficial que el nos da, nunca dixemos nada sen antes preguntar, e é o Sr. Calvo o que sistematicamente nos nega información, minte na mesma, e o peor, non da unha soa explicación, porque os caciques nunca dan explicacións de nada, eles crense Deuses e o resto somos formigas a esmagar. Non Sr. Calvo, non se confunda, siga vostede insultándonos, faltándonos ao respecto, queréndonos calar, siga vostede co seu plan de afogar a quen quere unha Agolada para todos e non só para os seus amigos, con nós, non vai poder. Xa que lle gusta agora de repente dar explicacións, non se corte, siga adiante e explique os 10.000 euros en comidas dos últimos meses, e díganos a que se deberon e quen foi a elas no canto de votar en contra dunha moción que só pedía que, con cada unha das mesmas, fora un motivo de que por que se fixo. Siga vostede caciqueando, pero iso si, se pode ser, fágao vostede cos seus cartos, xa bastante fundido ten o Concello para seguir gastando para as súas triquiñuelas os cartos de todos.